O Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) presentará na súa quinta edición unha gran exposición ao aire libre dedicada á obra dun dos humoristas gráficos máis relevantes da historia de España: Antonio Fraguas, coñecido como Forges.
Desde o xoves 24 de abril ata o domingo 4 de maio, durante as once xornadas de realización do EMHU, o público poderá visitar no Cantón Grande Guonderful Forges. Os anos da esperanza, unha mostra que percorre a obra do autor a través das súas viñetas publicadas entre o final da ditadura e a chegada da democracia.
A morte de Franco, a situación política, os medios de comunicación, a liberdade de expresión, os estatutos de autonomía, o turismo, a música, o deporte, a pílula anticonceptiva, a Igrexa, a parella ou o cine e a televisión son algunhas das temáticas que Forges abordou nas súas viñetas, nas que exerceu como cronista da súa época cun humor lúcido e comprometido.
A mostra, que conta coa dirección artística de Ximena Feijoo Merklen e Luis Piedrahita e co apoio do Concello da Coruña a través de Turismo da Coruña, está comisariada por Juan Herrera, creador de formatos como Humor Amarillo ou El Hormiguero, e que xa participou no EMHU en edicións anteriores.
A inauguración da exposición terá lugar o xoves 24 de abril ás 11.00 horas no Cantón Grande, e contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e de Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.
Juan Herrera asina tamén o texto de presentación da mostra: “As ditaduras, como as hipotecas variables, sábese cando empezan, pero non como rematan. Non hai un anemómetro que mida a brisa da liberdade e quizais o humor sexa a única ferramenta capaz de facelo. Fronte ao medo e á represión, só queda o voo intrépido das paxariñas de papel dos humoristas. Entre eles, Forges destacaba como unha voz única e esencial”.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que esta mostra “permite achegar a toda a cidadanía unha reflexión sobre os valores democráticos a través do humor e da cultura”. “É unha honra para esta cidade acoller unha exposición que reivindica o papel de figuras como Forges, que fixeron da risa unha ferramenta contra o medo. Dende o Concello queremos seguir impulsando iniciativas culturais que enriquezan o espazo público e o pensamento colectivo”, sinalou.
As principais figuras e espectáculos do momento da comedia daranse cita na Coruña ao longo de 11 xornadas. Shows de estrea, mesas redondas, producións propias e proxeccións conforman un programa do que o público poderá gozar esta primavera.
O Encontro Mundial de Humorismo xa colgou o cartel de “entradas esgotadas” en practicamente todas as súas sesións, pero conta con actividades paralelas de acceso libre ata completar aforo
—como o Match de Impro, a presentación de Atasco, a charla Castelao na arte europea ou o podcast El sentido de la birra Live— que terán lugar na sede de Afundación (Cantón Grande). Estas actividades intégranse no programa Cultura por Alimentos, unha iniciativa solidaria que invita ás persoas asistentes a facer unha achega simbólica de alimentos non perecedoiros, que se destinarán ao Banco de Alimentos Rías Altas.
PROGRAMACIÓN COMPLETA DE EMHU 2025
- 24/04 a 04/05 | Cantón Grande | Guonderful Forges. Os anos da esperanza
- 24/04 | Teatro Colón | Lucho Mellera (esgotado)
- 25/04 | Teatro Colón | Apocalípticamente correcto, con Luis Piedrahita (esgotado)
- 26/04 | Sede Afundación | Match de Impro, con A Escola de Impro (entrada libre)
- 26/04 | Teatro Colón | Playa de Lobos, encontro con Javier Veiga e Marta Hazas
- 26/04 | Palacio da Ópera | La Chochoctora, con Henar Álvarez (esgotado)
- 27/04 | Teatro Colón | Grito, con Hovik (últimas entradas)
- 28/04 | Sede Afundación | Presentación da segunda tempada de Atasco (entrada libre)
- 29/04 | Sede Afundación | Charla Castelao na arte europea (entrada libre)
- 30/04 | Sede Afundación | El sentido de la birra Live (entrada libre)
- 30/04 e 01/05 | Teatro Colón | Esto no es un show, con Galder Varas (esgotado)
- 01 e 02/05 | Teatro Colón | 17 veces, con Faemino y Cansado (esgotado)
- 02/05 | Teatro Colón | Anatomía del Humor, con Santaolalla, Crespo, Piedrahita, González de Vega e Rocío Vidal (invitacións esgotadas)
- 02/05 | Sede Afundación | Tlatoani, con Carlos Ballarta (últimas entradas)
- 03/05 | Teatro Colón | SHOW 1995, con Franco Escamilla (esgotado)
- 03/05 | Palexco | La Ruina e Humoris Causa, con Carlos Blanco, Goyo Jiménez, Marta González de Vega e Xosé A. Touriñán (esgotado)
- 04/05 | Teatro Colón | Fantastic Colofón, con Álex Clavero, Ana Morgade e JJ Vaquero (esgotado)