A Deputación de Lugo e o Colexio da Avogacía de Lugo reforzan a súa alianza para protexer os dereitos da poboación penitenciaria da provincia. O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, fixo entrega ao decano da entidade colexial, Xosé Manuel Fernández Varela, do novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria (SOAJP).
A achega provincial ascende a 12.000 euros, o que supón máis do 80% do financiamento total dun programa orzado en case 14.500 euros. Esta partida cobre os custos de formación especializada dos letrados, os desprazamentos aos centros de Bonxe e Monterroso e a compensación económica pola prestación do servizo.
«Grazas a esta cooperación institucional garantimos o acceso á xustiza dun colectivo especialmente vulnerable, permitíndolles contar con apoio técnico sobre a súa situación penal e os seus dereitos fundamental» Segundo sinala Miguel Fernández.
Unha rede de apoio profesional e especializado
O SOAJP funciona mediante quendas semanais de atención —presenciais nun dos centros e telemáticas no outro— nas que avogados con preparación específica canalizan e resolven as demandas dos internos.
- Dereitos e sancións: Asesoramento directo sobre condicións de prisión, recursos fronte a posibles sancións e restricións de dereitos.
- Xustiza gratuíta: Axuda e tramitación do acceso ao beneficio da xustiza gratuíta.
- Coordinación legal: Ligazón directa cos letrados de oficio ou particulares que teñan asignada a defensa dos reclusos.
Con este acordo, a Deputación de Lugo mantén o seu compromiso cun servizo consolidado que garante que os muros dos centros penais non sexan unha barreira para a tutela xudicial efectiva.