O Concello de Lugo vén de entregar a primeira licenza de primeira ocupación no Polígono 2 da Louzaneta, un fito que confirma na práctica o desbloqueo urbanístico deste ámbito tras máis de vinte anos de paralización administrativa. Este paso faise efectivo grazas á recepción parcial da zona formalizada polo Goberno local o pasado mes de xullo.
A entrega deste título permite que unha das persoas propietarias complete finalmente un procedemento pendente dende hai décadas. Ademais, abre a vía para que o resto de veciños que cumpran cos requisitos poidan acceder progresivamente ás súas correspondentes licenzas.
Seguridade xurídica e novas fases
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que este avance amosa que o traballo municipal “non quedou nun mero trámite administrativo, senón que ten efectos reais na vida das persoas”.
«Nun momento no que a vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía, non podemos permitir que cuestións administrativas arrastradas durante décadas impidan dar uso, con plena seguridade xurídica, a inmobles xa existentes”, subliñou a rexedora.
Candia recalcou que o Goberno municipal continuará coa folla de ruta establecida para resolver a situación global do ámbito: “O noso obxectivo é seguir avanzando tamén nos polígonos 1 e 3, así como na zona industrial, para dar unha resposta definitiva a esta reivindicación histórica dos propietarios”.
Con esta entrega, o Concello cumpre o compromiso adquirido tras a recepción do Polígono 2 e inicia unha nova etapa de regularización urbanística na Louzaneta.