A presidenta, Elena Candia, puxo en valor o traballo dos alcaldes e portavoces co apoio dos seus equipos nunha reunión con representantes das comarcas da Terra Chá, Meira e A Mariña coa que o PP lucense pecha un ciclo de xuntanzas de traballo no peche deste curso político marcado polos escándalos do PSOE coa sucesión de casos de corrupción vinculados ao Goberno de Sánchez e a denuncia ao ex presidente da Deputación e responsable do PSOE na provincia.
A popular recoñeceu “o traballo diario dos alcaldes para cumprir” cos veciños e veciñas e destacou o labor do PP nos municipios onde recuperou o goberno logrando, ademais, cumprir as súas propostas como é o caso de Viveiro e O Valadouro. Na actualidade, o 65% de poboación da provincia conta cun alcalde ou alcaldesa do Partido Popular.
Pero tamén puxo en valor “o papel dos portavoces” nos municipios onde o Partido Popular se atopa na oposición. Así, Candia destacou a constancia de Eugenia Requeijo no labor de fiscalización ao goberno nacionalista de Muras para detectar, a pesar das dificultades para acceder á documentación do Concello, o pago de facturas por riba do límite establecido legalmente para contratos menores e de forma reiterada a gabinetes xurídicos vinculados ao BNG e Adega, a asociación que leva a Xunta aos xulgados polos parques eólicos. De feito, o PP de Muras presentou denuncia contra o alcalde por presunta prevaricación administrativa continuada.
Candia explicou que “os veciños teñen que saber que o alcalde leva tempo pagando cos cartos do Concello facturas de asesoramento xurídico a empresas vinculadas entre si e con membros do BNG superando o límite legal e sendo coñecedor de que se estaba saltando a lei porque el mesmo levantaba os reparos do servizo de Intervención”.
UN PROXECTO POLÍTICO CONSTRUÍDO DENDE A UNIDADE
A dirixente popular lembrou que “2 de cada 3 lucenses teñen como alcalde ou alcaldesa a un representante do Partido Popular” de forma que “o noso proxecto político se consolida como a forza política maioritaria e o gran referente da xestión municipal no territorio”.
Candia subliñou que “non é casualidade: é froito do esforzo, da dedicación, da implicación de todos e do traballo en equipo. Porque para acadar obxectivos é imprescindible traballar coordinados na mesma dirección”.
Polo tanto, convidou a todos a “traballar dende a unidade” de cara ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de que o PP lucense volva a ser a forza na que confíen a maioría dos veciños e veciñas da provincia.