O Rocódromo de Riazor acollerá o próximo venres, 24 de xullo, unha xornada de portas abertas de escalada inclusiva e interxeracional con motivo do Día Internacional dos Avós, que se celenrará dous días despois. A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas e está dirixida principalmente a avoas, avós, netas, netos e, en xeral, a persoas de todas as idades a partir dos cinco anos.
O evento está organizado por AMI (Agrupación de Montañeiros Independentes) e impulsado pola Fundación Emalcsa no marco da XII Convocatoria de Deporte Inclusivo.
O encontro será de balde e terá como finalidade “favorecer a convivencia, a inclusión e a creación de vínculos familiares a través da práctica deportiva. É unha oportunidade para achegarse a esta disciplina nun ambiente de cooperación e acompañamento”, sinala Mariquiña Castiñeira, coordinadora de AMI.
A actividade organizarase en tres quendas para facilitar o seu desenvolvemento e ordenar a participación. Será necesario inscribirse previamente e cada persoa poderá tomar parte unicamente nunha delas. As prazas son limitadas, polo que deberá reservarse con antelación a través do teléfono habilitado pola organización: 667 967 227.
A iniciativa relaciónase, ademais, co envellecemento activo, ao ofrecer ás persoas maiores unha proposta de actividade física que poderán realizar acompañadas polas súas familias. “O Rocódromo será un esparzo de encontro entre distintas xeracións. Queremos demostrar que, cos apoios adecuados, todas as persoas poden atopar o seu lugar na escalada”, comenta Mariquiña Castiñeira.