O BNG de Lugo urxe a posta en marcha de medidas para o control do xabarín no entorno urbano

O concelleiro do BNG, Alexandre Penas urxiu a Concello e Xunta de Galiza a poñer en marcha todas as medidas posibles para ccontrolar a presencia de xabaríns na contorna urbana. O BNG recolle a preocupación da veciñanza pola proliferación de xabaríns nas zonas de Fingoi e Acea de Olga, «onde estes animais se están a deixar ver mesmo durante o día», dixo Penas, quen lembrou que esta situación supón un risco evidente para a veciñanza e reclamou «actuacións inmediatas».

O BNG sinala que a problemática afecta a unha parte importante da veciñanza de Lugo e pide tanto ao Concello como á Xunta de Galiza que adopten xa medidas urxentes. Alexandre Penas afirmou que a actuación «non pode demorarse máis» e engadiu «é necesario actuar con rapidez para garantir a seguridade das persoas que residen nestes barrios».

O concelleiro do BNG sinalou que “os danos en zonas urbanas son cada vez máis frecuentes e a presenza de manadas destes animais é cada vez máis habitual, incluso durante o día”, e reclamou a Concello e Xunta «que informen á veciñanza as medidas e os prazos nos que se aplicarán para garantir a seguridade nas rúas de Lugo». 

Comparte éste artículo
No hay comentarios