O PP condena a “dobre moral” do BNG por pretender dar leccións mentres o alcalde de Muras “incumpre deliberadamente a lei”

Antonio Ameijide considera “curioso” que “os gabinetes xurídicos están relacionados entre si e co deputado autonómico do BNG, Óscar Ínsua; e, ademais, “son os mesmos que dirixen a asesoría xurídica de Adega en todos os contenciosos contra a Xunta polos parques eólicos”.

O PP condena a “hipocrisía” e “dobre moral” do BNG “porque pretende dar leccións, pero o alcalde de Muras incumpre deliberadamente a lei”. Así o sinalou o portavoz do Grupo Provincial Popular de Lugo, Antonio Ameijide, durante unha visita a Muras xunto coa portavoz municipal, Eugenia Requeijo, onde afeou que “o BNG é o primeiro que cae en contradicións: din unha cousa pero fan a contraria, tanto en Galicia, como na provincia de Lugo como en Muras”. 

“O exemplo que coñecemos máis recentemente é o do alcalde nacionalista de Muras, moi crítico coa xestión do Partido Popular en tódalas administracións, pero el mesmo incumpre á fronte do Concello”, segundo subliña Ameijide. De feito, Manuel Requeijo leva anos levantando os reparos de Intervención que o advirten de superar o límite legal correspondente a contratos menores en facturas de asesoramento xurídico. “Pero, a pesar de ser coñecedor polas reiteradas advertencias de Intervención, continúa sen adoptar outra solución administrativa”, indica o popular. Ante esta situación, o PP de Muras presentou formalmente unha denuncia ante a Xustiza por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa.

O popular apunta tamén que os gabinetes xurídicos están relacionados entre si e co deputado autonómico do BNG, Óscar Ínsua. “Non deixa de ser curioso que, precisamente, el mesmo teña criticado este tipo de contratación; que, por certo, está recollida na lei, a mesma que establece o límite da contía”. Pero, ademais, “esas empresas son as que dirixen tamén a asesoría xurídica de Adega en todos os contenciosos contra a Xunta polos parques eólicos”.

Ao respecto, Ameijide subliña que “é contraditorio que en Galicia o BNG diga non aos eólicos cando se trata de producir enerxía renovable sen comprometer o rigor ambiental do noso territorio, pero en Muras diga si a negociar coas promotoras dos parques eólicos”.

A portavoz municipal, Eugenia Requeijo, condena esta práctica do alcalde do BNG “que presume de transparencia e xestión, pero en realidade está desoíndo as advertencias do servizo municipal de Intervención polo pago destas facturas por riba do límite legal para contratos menores”. Dende o 2015 leva pagado a estas empresas vinculadas ao BNG máis de 387.000 euros, “un gasto elevado para un concello pequeno coma o noso”. Dende o PP de Muras “o que lle pedimos ao alcalde é que dea explicacións e corrixa as irregularidades”, subliñou.

O BNG NA DEPUTACIÓN, SEMPRE DO LADO DO PSOE E TOMÉ
O portavoz provincial lembrou tamén o que considera “dobre moral do BNG na Deputación de Lugo” porque “condena publicamente o acoso sexual -polo que está sendo investigado o ex presidente da Deputación, José Tomé-; pero non tivo problemas en unirse a el para volver formar goberno na Deputación e así manter a Vicepresidencia e seguir pisando moqueta”.

Tamén se manifestan en Monforte en contra dunha nova ponte aberta ao tráfico no Malecón; pero a Deputación, onde teñen responsabilidade de goberno, aproba un convenio para financiar parte desas obras. “Tamén teñen anunciado unha reunión na que participarían os responsables autonómicos de ambas formación, pero da que non sabemos máis nada”, apunta o popular. “Pero moito nos tememos que entre defender as súas propias consignas ou apoiar ao PSOE e a Tomé, o BNG elixirá de novo apoiar ao PSOE e a Tomé”.

“Esa mesma postura é a que adoptan en Galicia cando se trata de reclamar os incumprimentos do Goberno de España: póñense do lado de Sánchez e do PSOE. Tan bravos aquí e tan mansos en Madrid”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios