Elena Candia informa á veciñanza do Castiñeiro dos avances para desbloquear Dona Urraca e prolongar a rúa Evaristo Correa Calderón

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto co concelleiro de Urbanismo, Ramón Cabarcos, e outros integrantes do equipo de goberno, mantivo un encontro coa veciñanza do Castiñeiro no Centro Social da Praza do Castiñeiro. A xuntanza serviu para trasladar de primeira man a situación de dúas intervencións urbanísticas prioritarias: a eliminación do tapón de Dona Urraca e a prolongación da rúa Evaristo Correa Calderón.

Eliminación do tapón urbanístico de Dona Urraca

En relación á primeira das actuacións, a rexedora explicou que o Concello xa avanza no procedemento para a demolición da vivenda situada no cruce de Dona Urraca coas rúas Mazaira e López Guntín. Trátase duns inmobles deshabitados que estreitan a calzada, dificultando o tránsito de vehículos e peóns.

O contrato de derrubamento establece que os traballos deberán comezar de maneira inmediata unha vez se formalice a adxudicación. Ao contar a cuberta con elementos de fibrocemento, os traballos requirirán dun tratamento e protocolo de retirada específicos.

Apertura de Evaristo Correa Calderón e mellora de servizos

Respecto á prolongación de Evaristo Correa Calderón, Candia detallou que os traballos se centran no ámbito comprendido entre as rúas Amizade e Escultor Asorey, con 15 parcelas implicadas. Esta conexión permitirá humanizar a zona e resolver unha demanda histórica xerada no 2022, cando os propios veciños promoveron unha recollida de sinaturas para desbloquear o proxecto.»O que hoxe é un espazo degradado, con solares abandonados, converterase nuhna zona integrada no barrio, con novas conexións, beirarrúas, iluminación e servizos. Ese é o obxectivo no que traballamos», salientou a alcaldesa.

Asunción do parque infantil das Casas Sindicais

Durante a xuntanza, a rexedora adiantou tamén que o Concello solicitará a cesión do parque infantil das Casas Sindicais. O obxectivo é incorporalo ao patrimonio municipal para asumir directamente a súa xestión e mantemento, garantindo a conservación duns equipamentos moi empregados polas familias do Castiñeiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios