O Concello de Lugo elimina o tapón urbanístico de Dona Urraca tras anos de espera

O Concello de Lugo eliminou o tapón urbanístico de Dona Urraca coa demolición da edificación situada na confluencia da rúa López Guntín, Camiño Verde e a rúa Dona Urraca, recuperando así para a vía un espazo que durante anos dificultou a circulación nesta zona.

Trátase dun inmoble deshabitado de 91,27 metros cadrados, formado por unha vivenda e un galpón anexo, que estreitaba a calzada e dificultaba o paso tanto de vehículos como de peóns.

A intervención levouase a cabo mediante a execución subsidiaria da orde de derrubamento, tras a tramitación dun expediente de ruína no que se determinou a necesidade da demolición total da edificación debido ao «esgotamento xeneralizado dos seus elementos estruturais».

A actuación afecta á parcela situada dentro do polígono de actuación 10.1 do PXOM de Lugo e permite recuperar o espazo necesario para a vía, mellorando as condicións de circulación e seguridade para peóns e condutores.

O Goberno municipal destaca que se trata dun dos tapóns urbanísticos históricos da cidade, unha intervención pendente desde hai anos e que fora anunciada en distintas ocasións sen chegar a executarse. A alcaldesa de Lugo explicou que esta intervención «para nós ten moito significado, primeiro porque executamos unha cuestión da que tanto se falou e pouco se fixo, e en segundo lugar, porque cumprimos os compromisos que asumimos».

O Concello continuará avanzando nesta liña e ten previsto abordar a supresión do tapón urbanístico situado no Camiño de Pipín, xunto ao CEIP Cervantes. «Xa se fixo o encargo a Evislusa para iniciar o proceso de expropiación e iniciáronse contactos cos propietarios», aclarou a rexedora.

Comparte éste artículo
No hay comentarios