O Goberno Local de Lugo lamenta que o PSOE recorra á mentira para tentar desacreditar a ordenanza do Auditorio Fuxan Os Ventos

O goberno local de Lugo lamenta que o PSOE recorra unha vez máis á mentira e á manipulación para intentar desacreditar un expediente que se está a tramitar con absoluto respecto á legalidade e con todas as garantías xurídicas e aos técnicos municipais que se encargan do mesmo.

Resulta rotundamente falso afirmar que a ordenanza reguladora do uso do Auditorio Fuxan os Ventos carece do estudo de custos. Ese documento existe, forma parte do expediente e foi elaborado polos servizos municipais competentes. Polo tanto, a señora Ana González Abelleira falta á verdade cando sostén o contrario e tenta crear unha polémica onde non existe.

Pero se grave é a mentira, máis grave é a hipocrisía política do PSOE: Durante dous anos, os socialistas permitiron, sen dicir unha soa palabra, que os seus socios do BNG utilizasen o Auditorio Fuxan os Ventos como se fose un “cortijo”, sen unha normativa que garantise a igualdade de oportunidades para todas as entidades e colectivos. Nunca lles preocupou a ausencia dunha ordenanza nin reclamaron regras claras. Agora, precisamente cando este Goberno está a poñer orde, transparencia e seguridade xurídica, descobren unha suposta preocupación polo procedemento.

González Abelleira denuncia que o PP pretende aprobar a ordenanza do Auditorio sen a documentación legal esixida

A realidade é que ao PSOE non lle molesta a tramitación da ordenanza. O que lle molesta é que exista unha ordenanza.

Porque unha vez aprobada, deixará de haber discrecionalidade. Haberá unhas normas públicas, obxectivas e iguais para todos que vincularán aos goberno municipais de agora en adiante, o que significa impedir que nunca máis un executivo poida administrar un espazo público ao seu antollo ou en función dos intereses dos seus socios políticos.

O PSOE demostra unha vez máis que segue actuando como refén do BNG. Prefire intentar frear unha regulación que beneficia á cidadanía antes que renunciar ao modelo de favoritismos e arbitrariedade que caracterizou o anterior goberno.

Fronte a esa forma de entender a administración, o Goberno de Elena Candia está a facer exactamente o contrario: regular por primeira vez o uso deste equipamento mediante unha ordenanza tramitada conforme á legalidade, con todos os informes necesarios e co único obxectivo de garantir transparencia, igualdade e seguridade xurídica.

Resulta paradoxal que quen gardou silencio durante dous anos ante o uso partidista dun equipamento municipal pretenda agora presentarse como defensor do rigor administrativo. O rigor non consiste en inventar carencias inexistentes nin en atrasar expedientes por puro interese político. O rigor consiste en facer as cousas ben, con todas as garantías e pensando no interese xeral de Lugo.

O Goberno de Lugo pide ao PSOE que abandone a estratexia da mentira e da confrontación permanente. Os lucenses merecen unha oposición responsable, non un partido instalado na contradición permanente e disposto a bloquear calquera avance con tal de preservar os privilexios dos que gozaron os seus socios de goberno.

Comparte éste artículo
No hay comentarios