Raposa, Sofía Espiñeira e Abril, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf” de música

A final terá lugar no seo dunha gala no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 24 de outubro.

Descubre más noticias musicales como ésta

O xurado do Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e fixo públicas as tres bandas finalistas: Raposa, Sofía Espiñeira e Abril. A proposta gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 24 de outubro.

Formou parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; ademais dos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo (director do Coro da Ra e especialista vogal), os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez, responsable da Arca da Noe. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O Concurso Fran Pérez “Narf» de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf». Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Belem Tajes, Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:

·         RAPOSA: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa “proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica”.

·         SOFÍA ESPIÑEIRA: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, ‘Xeografías’, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é “unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados”.

·         ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como “dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada”..

Comparte éste artículo
No hay comentarios