O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou que o PP demostrou unha vez máis «que non ten proxecto nin capacidade para gobernar Lugo» despois da aprobación inicial da ordenanza que regulará a Zona de Baixas Emisións (ZBE). Arroxo destacou que o PP no goberno «desestimou as alegacións que presentou estando na oposición», e engadiu «isto demostra que só presentou alegacións para atrasar a aprobación dunha regulación que o concello está obrigado por lei a realizar».
«O PP incumpriu hoxe o que defendia cando estaba na oposición, teñen que explicar publicamente por que agora que están no goberno desestiman parte das alegacións que eles presentaban», dixo Rubén Arroxo, que engadiu «a nosa opinión é que presentaron alegacións de forma populista e demagóxica e agora observan que non son viables, deixando claro unha vez máis que non están preparados para gobernar».
A Lei de Cambio Climático, entre outras cousas, obriga a crear zonas de baixas emisións para concellos superiores aos 50.000 habitantes, como é o caso de Lugo, «o anterior goberno xa definiu a zona de baixas emisións no entorno da Muralla», afirmou Arroxo, que engadiu «o único que conseguiu o Partido Popular coa súa postura estando na oposición foi seguir na liña de crispar e intentar retrasar o avance da cidade».
Na comisión municipal de Mobilidade celebrada hoxe, o goberno desestimou varias das alegacións presentadas polo propio Partido Popular estando na oposición e a práctica totalidade das alegacións da Asociación Lugo Monumental, agás unha estimación parcial dunha alegación de carácter menor. O goberno si estimou varias alegacións presentadas por Vox.