En relación co procedemento de concesión do Náutico de Augasmestas, a Deputación de Lugo informa de que:
- En primeiro lugar, as manifestacións da Asociación Prorrural evidencian un descoñecemento absoluto do procedemento de concesión de bens de dominio público cando solicitan que “se substitúa o procedemento de concesión demanial polo de concurso público”. A concesión demanial é a figura xurídica prevista no Regulamento de Bens das Entidades Locais para o outorgamento de dereitos de uso privativo sobre o dominio público, mentres que o concurso público é precisamente o procedemento a través do cal se tramita esa concesión demanial, en contraposición á concesión directa. Non se trata, polo tanto, de dúas figuras alternativas ou contrapostas, senón dunha relación de instrumento e fin.
- A Deputación de Lugo é absolutamente respectuosa, como non podería ser doutro xeito, co feito de que os representantes da Asociación Prorrural acudan acompañados de persoal técnico á visita programada, por canto se trata dun dereito que asiste á cidadanía. É máis, a presenza de asesores técnicos contribuirá a que a información facilitada durante a visita poida ser analizada con todo o rigor necesario e a evitar que se volvan realizar afirmacións carentes de sustento técnico e xurídico. Non obstante, cómpre lembrar que a representación da Asociación Prorrural debe ser acreditada de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, circunstancia que, ata o momento, non quedou acreditada.
- Dito o anterior, resulta unha absoluta frivolidade recorrer a descualificacións xenéricas sobre os procedementos tramitados pola Deputación Provincial de Lugo. Afirmacións como a suposta “vulneración dos principios de seguridade xurídica, de concorrencia, de igualdade e de transparencia” carecen tanto de fundamento como de veracidade. A propia tramitación do procedemento evidencia precisamente o contrario: a Deputación actuou e continúa actuando con pleno respecto á legalidade, garantindo en todo momento os dereitos das persoas interesadas e a igualdade de trato entre todos os posibles licitadores.
- Por outra banda, non se alcanza a comprender en que se fundamenta a cualificación de “precipitada” que a asociación atribúe á visita ás instalacións prevista para o martes 28 de xullo, tendo sido comunicada con antelación suficiente para que todos os eventuais licitadores poidan asistir e resolver as súas dúbidas en igualdade de condicións.
- Resulta, así mesmo, absolutamente inadmisible afirmar que a devandita visita se programase “pola presión da asociación”. A Deputación de Lugo non tramita os seus procedementos administrativos cedendo ás presións de persoas ou entidades interesadas, senón actuando con estrito sometemento á legalidade e atendendo aos criterios técnicos e ás propostas formuladas polos servizos responsables da instrución do procedemento.
- Porúltimo, resulta cando menos chamativo que, convocados procedementos de concesión demanial para sete instalacións de titularidadeda Deputación Provincial de Lugo, sexa unicamente en Augasmestas onde xurdiron incidencias deste tipo. Tamén resulta significativo que os argumentos recollidos nas alegacións coincidan cos empregados posteriormente polo Partido Popular nas súas manifestacións públicas sobre este procedemento, nun intento de cuestionar unha tramitación que se está desenvolvendo con absoluto respecto á legalidade, á transparencia e á igualdade de oportunidades entre todos os posibles licitadores.