O acordo garante durante o curso 2026/2027 o servizo de almorzo, xantar e cea para as persoas usuarias da residencia universitaria.
A deputada de Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Yoya Neira, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, asinaron hoxe o convenio que permitirá ás persoas usuarias da Residencia Universitaria Elvira Bao utilizar o comedor do IES Rosalía Mera durante o curso 2026/2027.
A través deste acordo, a Deputación pon a disposición do alumnado universitario as instalacións e os servizos do comedor do centro educativo, que dispón de 100 prazas. As persoas residentes poderán acceder aos servizos de almorzo, xantar e cea, cos mesmos menús que se ofrecen ao alumnado do IES Rosalía Mera.
Yoya Neira destacou que a renovación do convenio “permite facilitar a vida diaria do alumnado que reside na Elvira Bao e ofrecerlle un servizo próximo, de calidade e cunhas condicións económicas accesibles”.
“A colaboración entre a Deputación e a Universidade da Coruña está a funcionar moi ben e permite aproveitar os recursos públicos de maneira eficiente, poñéndoos ao servizo dos mozos e mozas que estudan na nosa provincia”, afirmou a deputada.
Pola súa banda, Ricardo Cao valorou a continuidade dunha colaboración que contribúe a mellorar as condicións de estancia do alumnado universitario e reforza o carácter público e accesible da Residencia Elvira Bao.
O comedor estará dispoñible durante o curso académico, agás nos períodos de vacacións, festivos e días non lectivos do IES Rosalía Mera. O servizo inclúe almorzos de luns a venres, xantares de luns a venres e ceas de domingo a xoves.
O convenio contempla diferentes modalidades en función do número de días de utilización e de se o alumnado opta exclusivamente polo xantar ou polo réxime completo. No caso de réxime completo (xantar e cea), por exemplo, o uso cinco días á semana supón un custo máximo de de 226 euros.
Tamén se establecen bonificacións do 50 % para integrantes de familias numerosas de categoría xeral e a exención do pagamento para as de categoría especial.
A colaboración entre ambas as institucións para a prestación deste servizo mantense de maneira continuada desde 2020. A Deputación e a UDC consideran que a experiencia foi positiva e acordaron prolongala durante o novo curso académico.
A Residencia Universitaria Elvira Bao, situada nunha parte do IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña, foi a primeira residencia universitaria pública da cidade da Coruña. A Deputación cedeu este espazo á UDC para atender as necesidades de aloxamento do estudantado universitario.