Finalistas XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

Nesta XII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, inscribíronse 82 persoas das que 63 completaron a inscrición da súa idea antes do 31 de maio.

Recibíronse propostas moi diversas que van desde proxectos educativos, tecnoloxía aplicada ás viñas, utilización de drons para o traballo agrícola, plataformas para aloxamentos ata proxectos musicais e de rehabilitación. Pasando por ideas vinculadas á gastronomía, terapias de benestar, artesanía, bebidas, cosméticos, ou laboratorios de memoria rural.

Despois de avaliar todas as ideas presentadas, o xurado desta décimo segunda edición dá a coñecer a selección de finalistas, que terá que presentar entre o 1 de agosto e o 30 de setembro do 2026, o proxecto rematado. As ideas finalistas son:

  • TRANSFORMACIÓN DE LEITE PROPIO EN PRODUCIÓN ARTESANAL: A proposta busca pechar o ciclo produtivo mediante a transformación do leite en queixos, iogur colado e manteiga artesanais, creando unha marca para conectar co consumidor.
  • REFORESTATRON: Un robot terrestre autónomo deseñado para a recuperación específica dos solos queimados na Ribeira Sacra, despois dos incendios padecidos no 2025.
  • ECONOMÍA CIRCULAR TRANSFORMACIÓN BAGAZO: Transformación escalable do bagazo da uva da Ribeira Sacra en produtos premium de alto valor engadido.
  • CNTEK: Sistema para detectar a presenza de micro e nanoplásticos na auga, baseado en electrodos serigrafiados, que permiten fabricar sensores de forma económica e masiva, utilizando nanotubos de carbono, coñecidos pola súa altísima sensibilidade eléctrica.
  • ALAMBIQUEIROS DA SACRA TERRA: Destilería profesional na Ribeira Sacra para transformar o bagazo das adegas locais en aguardente artesanal e certificada.
  • DATA DEFEND SOLUTIONS: Unha startup de ciberseguridade orientada a pequenas e medianas empresas que necesitan protexer o seu negocio sen complexidade técnica fronte a ameazas como ransomware, fraudes, phishing ou perda de datos.
  • ADEGACONNECT: Unha plataforma cloud deseñada para pequenas adegas da Ribeira Sacra que necesitan dixitalizar a súa trazabilidade, permitindo controlar o ciclo completo “do viñedo á botella”.
  • BIOCABA: Unha cooperativa de traballo asociado dedicada a desenvolver e comercializar un recubrimento natural antifúnxico para froita fresca. Coa biomímese a pel da cabaza convértese en recubrimento biodegradable que retarda a aparición de fungos na froita.
  • RURALTECH LAB 360+: Conectar tecnoloxía propia xa validada cos recursos da Ribeira Sacra, un centro físico de dixitalización para resolver necesidades de viñedo/adega, control de agua municipal e monitorización agroganadeira.
  • MARCAL GALICIA: carbonato cálcico bioxénico circular da cuncha de mexillón como insumo industrial intermedio. Transformar a cuncha de mexillón nun carbonato cálcico bioxénico para empregar en procesos agrarios, gandeiros, construtivos ou industriais.

As ideas que foron seleccionados deberán confirmar antes do 3 de agosto de 2026 a súa intención de participar. Se algunha das ideas candidatas renunciase a desenvolver o proxecto, recorrerase ás ideas seleccionadas como reserva.

As ideas que sigan adiante deberán presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro. O xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto, na xornada de mañá do día 7 de novembro, no Parador de Turismo de Monforte. Pola noite durante a cea de clausura, tamén no Parador, celebrarase a entrega de premios desta XII edición.

  • 1º Premio – 10.000 €
  • 2º Premio –   6.000 €
  • 3º Premio –   4.000 €
  • A persoa que inscribiu o proxecto gañador desta edición poderá acceder á realización do Executive MBA de Ef Business School na Coruña. Un programa 100% presencial, que se desenvolve entre outubro e xuño e que está orientado á dirección e o liderado empresarial. En caso de que a persoa inscrita renuncie a este premio, pasará ao segundo clasificado e así sucesivamente ata chegar á persoa interesada en participar de entre os 10 finalistas. (Fundación Venancio Salcines).
  • Plan de Formación para os 10 proxectos que se presenten á final e manifestaran, antes do 10 de novembro de 2026, o seu interese en participar no plan formativo que se desenvolvería no primeiro semestre do 2027. (AGADER)

A XII edición do Concurso de Proxectos Semente Ribeira Sacra conta co patrocinio das seguintes institucións: Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, AGADER, Vicepresidencia Deputación Provincial de Lugo (área Rural), Deputación Provincial de Ourense, Concello de Sober, Concello A Pobra do Brollón, Concello de Pantón, Concello do Saviñao, Concello de Bóveda.

As empresas patrocinadoras son: Barbosa e Hijos, CT Galega, Hijos de Rivera S.A., Gadisa, Inveravante, Dimaga, Daveiga Produción Responsable, Sicyme, Dalia Sistemas e Notaría de Sarria.

Contando coa colaboración de: Universidade de Santiago, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Escuela de Organización Industrial, Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, Fundación Venancio Salcines e o Parador de Turismo de Monforte

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios