En relación co procedemento para a concesión do Náutico de Augasmestas, a Deputación de Lugo quere trasladar aos medios de comunicación e á opinión pública as seguintes aclaracións para garantir a máxima transparencia no proceso:
- Suspensión temporal, non anulación: Trátase duna medida administrativa habitual na contratación pública para resolver cuestións técnicas formuladas antes de continuar coa licitación. Non supón, en ningún caso, a cancelación do expediente.
- Garantía de igualdade e transparencia: Varia empresas trasladaron consultas sobre o prego de condicións. Para cumprir cos principios de libre concorrencia, a Administración debe poñer as respostas a disposición de todos os posibles licitadores ao mesmo tempo.
- Sen prexuízo para terceiros: No momento de acordar a suspensión non se rexistrara ningunha oferta formal na plataforma, polo que a decisión non prexudica a ningunha entidade.
- Compromiso co proxecto: A Deputación mantén intacta a súa vontade de poñer en funcionamento o Náutico de Augasmestas coas máximas garantías xurídicas e administrativas.
Visita técnica o vindeiro martes 28 de xullo
Co obxectivo de resolver todas as dúbidas de forma directa, o goberno provincial convocou unha visita técnica ás instalacións de Augasmestas para o vindeiro martes, 28 de xullo, ás 11:00 horas. Nela, o persoal técnico da Deputación responderá de xeito presencial ás cuestións formuladas polas empresas interesadas.
Unha vez completadas estas aclaracións e realizada a visita, o procedemento reabrirase e publicarase na Plataforma de Contratación do Sector Público para que todas as empresas concorran en igualdade de condicións.