O Grupo Parlamentario do PPdeG denunciou a «instrumentalización partidista» do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres por parte do BNG e esixiu a aprobación urxente dun regulamento que blindaxe a neutralidade e o carácter institucional do recinto.
A través dunha proposición non de lei (PNL) rexistrada hoxe no Parlamento de Galicia, os populares expresaron o seu «firme rexeitamento» ante o acto promovido o pasado 23 de xullo pola organización xuvenil Galiza Nova no interior do templo. Segundo sinalan desde a formación, lonxe de manter o respecto e a solemnidade propios dun espazo de homenaxe á historia de Galicia, o evento derivou en «proclamas, arengas e consignas máis propias dun mitin político».
Así mesmo, o PPdeG criticou a exhibición de bandeiras estreladas no interior do recinto, un símbolo que —lembran— «está identificado co independentismo e non representa oficialmente a Galicia nin ao conxunto dos galegos».
«O Panteón é un dos principais símbolos institucionais da nosa identidade colectiva. O seu espírito debe permanecer sempre á marxe da confrontación e do uso partidista para seguir sendo un patrimonio compartido por toda a sociedade», destacan desde o Grupo Popular.
Normas claras para preservar o patrimonio común
Para evitar novos episodios de instrumentalización, a PNL do PPdeG instará ao Padroado do Panteón —composto polo Parlamento de Galicia, a Xunta, o Concello de Santiago e o Arcebispado— a culminar canto antes a redacción e aprobación do seu regulamento de usos.
Esta normativa deberá delimitar as honras, protocolos e cerimonias permitidas, reservando o espazo de xeito exclusivo para actos de carácter institucional, cultural, académico ou conmemorativo, e prohibindo expresamente a celebración de eventos de natureza partidista.