Unión de Ciudadanos Independientes (UCIN) de Boiro fixo pública a súa preocupación polo mal estado do servizo municipal de abastecemento de auga. Nas últimas semanas, numerosos veciños e veciñas puxéronse en contacto co coordinador local da formación, Miguel Piqueras, para trasladarlle a gravidade da situación e facerlle chegar fotografías que amosan filtros domésticos completamente colapsados por lodos e sedimentos.
A esta elevada carga de partículas na auga súmanse as continuas baixadas de presión e os cortes no subministro rexistrados en distintos puntos do concello, unhas deficiencias que están a xerar un fondo malestar entre a veciñanza.
Ante esta situación, UCIN insta ao Concello de Boiro a explicar publicamente que sistema de filtración e decantación se está a utilizar na estación de tratamento de auga potable (ETAP) e a aclarar se a planta está a funcionar coas garantías necesarias.
Esixencia de transparencia e responsabilidades políticas
O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, amosouse moi crítico coa xestión do goberno local ante un servizo tan esencial: «Os veciños de Boiro non poden seguir pagando por un servizo básico e recibir auga con sedimentos, sufrir baixadas de presión ou quedar sen subministro. As imaxes dos filtros falan por si soas e o Concello ten a obriga de explicar que está a ocorrer», declarou Piqueras.
O voceiro independente contrapuxo esta carencia coas prioridades do executivo municipal: «Mentres se destinan importantes cantidades de diñeiro a outras actuacións, seguimos sen resolver algo tan fundamental como garantir auga de calidade. Se non son capaces de solucionar esta situación, alguén terá que asumir responsabilidades políticas».
Medidas urxentes solicitadas
Para solucionar esta problemática, UCIN exixe ao Concello a adopción inmediata das seguintes medidas:
- Publicación dos informes técnicos actualizados sobre o funcionamento da planta de tratamento.
- Un plan de actuación urxente para mellorar e optimizar a filtración da auga.
- A renovación das tubaxes máis deterioradas da rede municipal.
- A ampliación da capacidade dos depósitos para garantir un abastecemento estable e continuo a toda a poboación.