A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou en Oleiros na xornada “Facendo comunidade”, organizada por Aspadisol para achegar á sociedade o traballo que desenvolve a entidade a prol das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
Durante a visita, a deputada percorreu as instalacións e os diferentes postos da xornada, interesándose polos servizos, programas e actividades que presta Aspadisol e polo labor diario do seu equipo profesional.
Mar García Vidal destacou “o compromiso e a profesionalidade das entidades sociais, que realizan un traballo imprescindible para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e con igualdade de oportunidades”.
A deputada lembrou que a Deputación da Coruña colabora cada ano con arredor de 270 entidades sociais da provincia, apoiando programas de atención, inclusión, autonomía persoal e mellora da calidade de vida.
“Fortalecer o tecido asociativo é unha prioridade para a Deputación, porque estas entidades están cada día preto das persoas, coñecen as súas necesidades e dan respostas fundamentais para as familias”, sinalou Mar García Vidal.