Alternativa Enxebre Fisterra critica a contratación «irregular» dun secretario accidental tras a volta do titular

Alternativa Enxebre Fisterra denuncia publicamente os continuos nomeamentos realizados polo Concello de Fisterra dun auxiliar administrativo que xa exercera no seu día como secretario-interventor accidental e que, tras a reincorporación do secretario-interventor titular en outubro de 2023, continuou sendo designado de maneira reiterada para desempeñar accidentalmente ese posto en numerosas ocasións.

Segundo explica o concelleiro Francisco Martínez Traba, desde a incorporación do secretario-interventor titular ao Concello, o Goberno municipal continuou aprobando sucesivos decretos de nomeamento para cubrir vacacións, permisos, asuntos propios e outras ausencias temporais.

O concelleiro considera que esta situación require explicacións inmediatas, xa que ata o día de hoxe segue sen xustificarse se estes sucesivos nomeamentos contaban coa preceptiva habilitación da Xunta de Galicia, requisito imprescindible para poder desempeñar accidentalmente un posto reservado a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Estes decretos foron asinados tanto polo anterior Goberno municipal como polo actual, mantendo unha práctica continuada no tempo sobre a que Alternativa Enxebre considera imprescindible ofrecer explicacións claras á veciñanza.

Francisco Martínez Traba lembra que hai apenas unhas semanas xa denunciara publicamente as elevadas retribucións percibidas por este auxiliar administrativo, unhas cantidades que o alcalde non foi quen de explicar durante o Pleno municipal.

«Agora resulta aínda máis necesario aclarar baixo que cobertura legal se realizaron todos estes nomeamentos, se existía a correspondente habilitación da Xunta de Galicia e que retribucións públicas foron percibidas como consecuencia do desempeño accidental destas funcións», sinala o concelleiro.

Alternativa Enxebre considera que os veciños e veciñas de Fisterra teñen dereito a coñecer se estes nomeamentos se axustaron plenamente á legalidade e anuncia que continuará exercendo a súa labor de control e fiscalización ata que o Goberno municipal dea unha explicación completa e documentada sobre estes feitos.

«O que pedimos é moi sinxelo: transparencia, legalidade e explicacións. Se existía unha habilitación da Xunta de Galicia, que se faga pública. E, se non existía, o Goberno municipal debe explicar por que continuou realizando estes nomeamentos durante todo este tempo«, conclúe Francisco Martínez Traba.

Comparte éste artículo
No hay comentarios