A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2026 amosa unha realidade alarmante para o mercado de traballo galego. CCOO de Galicia denuncia que o descenso do paro na comunidade é un «espexismo estatístico», xa que non obedece á creación de oportunidades laborais, senón a un grave encollemento da poboación activa: Galicia perdeu 21.000 activos en só tres meses, evidenciando un mercado que expulsa traballadores e, especialmente, traballadoras.
Mientres o conxunto do Estado aproveita a inercia estival para xerar emprego, Galicia racha coa tendencia habitual e desmácase en negativo. Na actualidade hai 1.172.000 persoas ocupadas (6.100 menos que no trimestre anterior). Aínda que a cifra oficial contabiliza 101.100 persoas desempregadas (14.800 menos), esta redución é tramposa: o paro só cae porque hai 21.000 persoas menos en disposición de traballar.
Unha brecha crecente co Estado e destrución nos sectores clave
O balance do trimestre deixa a Galicia, xunto a Canarias, no furgón de cola do país. A taxa de actividade galega sitúase no 53,0 %, a seis puntos da media estatal, e a de ocupación queda cinco puntos por debaixo.
A destrución de emprego é xeneralizada e afecta a case toda a estrutura produtiva. Respecto ao trimestre anterior, piérdense empregos no sector primario (-2.300), na industria (-2.500) e na construción (-2.000). Só o sector servizos (+700) e, máis concretamente, a tirón do comercio (+15.400) evitan un escalabro aínda maior na ocupación.
Precarización e fuga do mercado de traballo feminino
CCOO alerta de que o escaso emprego que se xera é de extrema precariedade. Do total do emprego asalariado creado, o 93 % é de carácter temporal (21.300 contratos temporais fronte a só 1.500 indefinidos). Ademais, destruíronse 11.100 empregos a xornada parcial.
Por sexos, a perda de poboación activa castiga con especial dureza ás mulleres. A pesar de rexistrarse 14.000 paradas menos, este dato responde principalmente á súa expulsión directa do mercado laboral, sen que se produza unha inserción real no tecido produtivo.
Desde CCOO de Galicia esíxense políticas industriais e de emprego inmediatas que poñan fin a este deterioro estrutural, eviten a sangría de poboación activa e garantan emprego estable e de calidade para a cidadanía galega.