O PSOE de Lugo acusa a Candia de “torpedear” a sede da Axencia de Saúde Pública en Lugo para usar a súa desidia como arma política

O Grupo Municipal Sicialista cualificou as últimas declaracións da alcaldesa, Elena Candia, sobre a elección da sede da Axencia Estatal de Saúde Pública como «un exercicio de demagoxia política, oportunismo e permanente afastamento da verdade». Para os socialistas, as súas palabras demostran que a rexedora «prefire atacar a quen traballou por Lugo antes que asumir as súas propias responsabilidades ao fronte do Concello».

Dende o PSOE lembran que Lugo contou cunha candidatura extraordinaria e ambiciosa que logrou manterse entre as finalistas durante dezaseis meses nun proceso altamente competitivo. «Non presentamos unha proposta para cubrir o expediente, senón para gañar. Chegar ata o final non é un fracaso; o verdadeiro fracaso é ter unha oportunidade histórica na mesa e, unha vez no Goberno, abandonar o traballo necesario para defendela», subliñan.

Desidia e falta de impulso no momento decisivo

Os socialistas consideran especialmente grave que Candia pretenda responsabilizar ao anterior Executivo municipal dun resultado orixinado baixo o seu mandato. «Candia recibiu unha candidatura feita, unha posición gañada e un proceso aberto. O seu único deber era continuar o traballo, responder con dilixencia aos requirimentos de información e desenvolver o labor de convencemento institucional. Descoñecemos os pasos que deu, pero a realidade é que deixou morrer o proxecto por pura desidia», denuncian.

Elena Candia lamenta que a elección da sede da Axencia Estatal de Saúde Pública responda a criterios políticos

Neste sentido, acusan directamente á alcaldesa de torpedear as opcións da cidade por no crer nun proxecto que non nacera das súas filas: «Nas últimas semanas non perdemos a sede porque a candidatura fose mala, senón porque quen tiña que defendela deixou de facelo porque non era o seu traballo».

Un patrón de oportunismo político

Para o Grupo Socialista, a actitude de Candia revela unha preocupante concepción do interese xeral. «Unha alcaldesa debería poñer todos os medios para que Lugo gañe, pero Candia funciona ao revés: se algo beneficia á cidade tenta apropiarse del, e se algo sae mal, busca inmediatamente un culpable no Goberno anterior».

«Candia demostra unha vez máis que as desgrazas de Lugo son alegrías para ela. Se a cidade perde unha oportunidade, ela gaña un argumento para atacar; se Lugo avanza, tenta atribuírse o mérito. É a política pequena e oportunista que practica desde que chegou á Alcaldía», censuran.

Por todo isto, os socialistas exixen á rexedora «menos demagoxia e máis responsabilidade», instándoa a deixar de empregar os proxectos estratéxicos da cidade como arma de confrontación. «Lugo merecía unha alcaldesa que chamase a todas as portas e defendese a candidatura ata o último minuto. O que tivemos foi xusto o contrario: ausencia de traballo e falta de altura institucional cando máis falta facía».

Comparte éste artículo
No hay comentarios