O Grupo Municipal do Partido Popularpresentou unha moción para o seu debate no pleno ordinario deste vindeiro xoves na que apremia ao goberno local a licitar e adxudicar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) antes de que remate o presente mandato.
O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, resalta que é unha petición “sensata e viable, sempre e cando haxa vontade política”. O principal argumento esgrimido para fundamentar dita solicitude é o “feito extraordinario” de que en Padrón están a intervir ata catro empresas diferentes na prestación do servizo, o que conleva “importantes limitacións organizativas”. Por exemplo, a distribución das novas altas entre as empresas está a dificultar unha planificación global dos recursos, ao tempo que condiciona a organización do traballo e limita a consolidación de xornadas laborais estables para as traballadoras.
Ademais, Rodríguez Conde estima que esta coincidencia simultánea de varias empresas “incide tamén na calidade do servizo que perciben as persoas usuarias do SAF, xa que, ao tratarse dunha atención tan sensible, require estabilidade dos equipos profesionais, coordinación e unha planificación axeitada, homoxénea e eficaz”.
Para o voceiro popular, na actualidade “danse as circunstancias axeitadas” para poder licitar e adxudicar o SAF, xa que nos últimos meses produciuse un cambio moi relevante no contexto económico e financeiro deste servizo grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permitiu incrementar de forma progresiva a achega autonómica ata alcanzar os 18 euros por hora no ano 2028. “Este novo escenario económico ofrécelle aos concellos unhas condicións moito máis favorables para elaborar uns pregos sólidos, economicamente viables e adaptados á realidade actual do servizo”, remarcou.
Por último, Ángel Rodríguez Conde reclama que durante a fase de elaboración dos pregos técnicos e económicos o goberno local abra un proceso de diálogo entre os servizos municipais, a representación legal das persoas traballadoras e os demais axentes implicados para “preparar un expediente rigoroso que evite as incidencias que truncaron os anteriores intentos de licitación”.