.O alumnado da materia Actuacións Urbanísticas Contemporáneas elaborou propostas para afrontar os retos do Campus de Elviña-Zapateira aplicando os principios da Axenda Urbana Española.
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) incorporou a metodoloxía da Axenda Urbana Española (AUE), promovida polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, á formación do alumnado do Grao en Arquitectura. A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Actuacións Urbanísticas Contemporáneas, de quinto curso, impartida pola profesora Maricarmen Tapia, e permitiu aplicar os principios e obxectivos da AUE ao estudo do Campus de Elviña-Zapateira.
O ámbito de traballo, cunha superficie aproximada de 49 hectáreas, serviu como laboratorio para que o estudantado analizase os principais retos e oportunidades do campus e formulase propostas urbanísticas orientadas á mellora da súa habitabilidade, funcionalidade e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía da Axenda Urbana Española.
A actividade desenvolveuse en colaboración coa Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña, que facilitou información sobre as necesidades, limitacións e prioridades institucionais do campus. Os resultados dos traballos foron posteriormente presentados tanto á Vicerreitoría como á Oficina de Sustentabilidade, favorecendo a transferencia de coñecemento entre a actividade docente e a planificación e xestión dos espazos universitarios.
Traballos do curso 2025-2026
Os primeiros proxectos desenvolvidos no marco desta iniciativa xa están na web da Axenda Urbana Española e corresponden aos seguintes equipos de estudantes:
- Construíndo un Campus Habitable, realizado por Amanda Pires de Campos, Bruna Braga, José Alejandro Luquin Romo e Miguel Serra Serrano.
- Cara a un Campus Habitable, elaborado por Antonio Domenico Panasiri, Arthur Martins e Enya Elvira.
- Obxectivos Contemporáneos da Comunidade UDC. Campus Elviña-Zapateira, desenvolvido por Luana Dias Alves, Ximena Ortega e Franco García.
- Con esta iniciativa, a ETSAC reforza a incorporación metodoloxías de planificación urbana de referencia no ámbito estatal á formación de futuros profesionais da arquitectura, achegando ao alumnado experiencias de aprendizaxe vinculadas a casos reais e contribuíndo á mellora do territorio desde a universidade.