Elena Candia: «Hoxe empezamos a facer realidade un compromiso que parecía imposible para o benestar animal en Lugo»

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe na sinatura do convenio institucional que permitirá acometer a reforma e ampliación das instalacións da Protectora de Animais de Lugo. Con esta actuación, segundo destacou a rexedora, «empeza a saldarse unha débeda histórica» coa entidade e co benestar animal no municipio.

O acordo de colaboración garante un financiamento total de 744.436 euros, achegados a partes iguais (248.135 euros cada un) polo Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial.

Candia amosou a súa «dobre satisfacción» por un logro froito do traballo de moito tempo. Por unha banda, polo impacto directo na entidade: «Conseguimos un reto imprescindible para que a Protectora conte ao fin coas instalacións dignas que demandaba». Por outra, polo exemplo de lealdade entre administracións: «Este é o modelo no que creo; o diálogo institucional foi o que permitiu desbloquear esta actuación e a nosa vontade é seguir replicando esta forma de traballar para os grandes proxectos de Lugo».

Agradecemento ao tecido social e técnico

A rexedora quixo recoñecer expresamente «o compromiso e a perseveranza da directiva da Protectora», así como o traballo desenvolvido polos técnicos municipais —con especial mención ao persoal da área de Fomento— e a implicación da Consellería de Medio Ambiente. Do mesmo xeito, tivo un recoñecemento especial para a concelleira Mar Carballas «pola súa sensibilidade e empatía na defensa das políticas de benestar animal».

Segundo trasladou a propia directiva da Protectora, a previsión é que as obras poidan comezar durante o vindeiro mes de agosto.

«Un punto e seguido»

Candia subliñou que a firma do documento non supón o final do camiño, senón o inicio dunha nova etapa. «Hoxe escribimos un punto e seguido. Cumprimos a primeira parte, que era garantir os recursos económicos. Agora toca acompañar o desenvolvemento dos traballos para que culminen con éxito», aseverou, reafirmando o compromiso do Concello de facer un seguimento permanente das obras.

«Unha cidade tamén se define pola forma na que coida dos seus animais. Hoxe non remata nada, hoxe empezamos a facer realidade un compromiso que parecía imposible», concluíu a alcaldesa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios