Javier Arias. «O Concello que deixe de facer demagoxia e de poñer atrancos aos proxectos e iniciativas da Xunta na cidade»

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordou esta mañá en rolda de prensa diversos asuntos de actualidade do municipio de Lugo

En primeiro lugar, Arias referiuse á apertura ao público do aparcamento do IES Virxe dos Ollos Grandes en horario compatible coa actividade lectiva, e lembrou que a Xunta leva meses agardando a que a alcaldesa de Lugo convoque a xunta local de seguridade para aprobar o convenio entre as dúas Administracións que permita, por exemplo, que a Policía Local poida intervir, en caso de ser necesario, nese espazo de titularidade autonómica.

«Da a sensación de que PSOE e BNG unicamente queren o tema do párking para facer oposición e ter algo que dicir en contra da Xunta. Neste caso nós temos a dispoñibilidade, temos as posibilidades, pero necesitamos ese convenio que nos permita abrir o aparcamento coa seguridade xurídica necesaria», explicou.

Por outro lado, o delegado territorial referiuse tamén ás obras de drenaxe na contorna do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán que a Xunta decidiu asumir, malia non ser da súa competencia, «para desenquistar este asunto. Queremos evitar máis problemas á veciñanza e asumimos os traballos para que o Concello recepcione a obra e poidamos abrir o aparcamento o antes posible». Subliña ademais que se trata dunha obra menor, despois do millón de euros que o Goberno galego investiu na construción do aparcamento.

O problema de drenaxe de augas no barrio de Casás era un problema preexistente que se fixo máis evidente coa construción do aparcamento disuasorio, ao non poder filtrarse agora a agua á terra. Arias lembra que o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) solicitou xa no pasado mes de novembro a autorización para poder acometer os traballos sen que houbese resposta algunha por parte do goberno local ata este mes de febreiro. «Recibimos un informe favorable ás obras por parte do Servizo de Enxeñería do Concello de Lugo e, aínda que non é o medio normal nin habitual, entendemos que se autoriza a intervención e por iso iniciamos os trámites administrativos para adxudicar as obras o antes posible». Así se lle comunicará tamén ao Concello nos vindeiros días.

Liña Conecta

O delegado territorial lamentou tamén a «demagoxia pura» amosada por distintos representantes do BNG en relación aos novos servizos da Liña Conecta, posta en marcha o pasado 1 de xaneiro. Tal e como explicou, os servizos de dita liña enmárcanse na nova concesión de autobús entre A Coruña, Lugo e A Mariña, que tamén incorpora outras melloras nas conexións da Mariña e Vilalba coas cidades «nunha firme aposta da Xunta por mellorar as conexións en toda a comunidade, fronte ao Goberno central que opta por suprimir paradas no rural da nosa provincia».

Arias indicou que con esta liña o Goberno galego mellora a conexión entre as dúas cidades, realizando 92 servizos directos semanais. Por iso afirmou non ter sentido que se pretenda xerar unha polémica por unha parada nun centro comercial de A Coruña que se produce unicamente os sábados, cun servizo de ida e outro de volta. Neste senso explicou que a prolongación da liña Conecta ao citado centro «é unha ampliación que a empresa concesionaria ofertou como unha mellora do servizo pola demanda que se rexistraba, e que conta ademais con outras paradas». Logo, unicamente se favorece, cun impacto mínimo, os desprazamentos xa existentes, fomentando o uso do transporte público.

Comparte éste artículo
No hay comentarios