“A institución provincial lidera o investimento. Somos a única das tres administracións que achega a totalidade da súa contribución nesta mesma anualidade”, avanzou Miguel Fernández quen tamén recordou que “cedemos á Sociedade Protectora o uso desta parcela na que se atopan as instalacións por un prazo de dez anos”.
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asinou este mércores, en representación da Deputación, o convenio de colaboración entre a institución provincial, a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo para levar a cabo a reforma integral das dependencias desta entidade. O acordo, que se formalizou nas propias instalacións, ascende a un investimento total de case 745.000€, financiado a partes iguais polas tres administracións implicadas, o que supón unha achega de case 250.000€ por cada unha delas.
Miguel Fernández avanzou que “hoxe é un gran día para Lugo, para a Protectora, para o benestar animal e é un gran día para os que pasamos anos intentando buscar solucións para a Protectora”. Nese sentido, recordou que durante o seu Goberno “intentamos que a Protectora tivera unhas instalacións acordes ás súas necesidades e fixémolo de varias formas: buscando un novo edificio; redactando un novo proxecto, máis ambicioso e consensuado cos técnicos; tratando de conseguir financiación a través da solicitude de subvencións de fondos estatais europeos”, pero detallou que “había unha serie de discrepancias técnicas” que non o fixeron posible.
“Afortunadamente as tres administracións decidimos asinar este convenio para asumir o coste total da obra de forma paritaria e iso demostra, unha vez máis, como a lealdade institucional, cando o que se busca realmente é o intereses xeral, dá os seus froitos”, sinalou.
Concretamente, sobre a colaboración da institución provincial recalcou que “a Deputación non só cumpre co seu compromiso, senón que lidera este investimento. Somos a única das tres administracións que achega a totalidade da súa contribución nesta mesma anualidade. Non o adiamos nin trasladamos a responsabilidade ao futuro. Poñemos preto de 250.000 euros enriba da mesa desde o primeiro momento porque entendemos que nin os animais nin as persoas que os coidan poden seguir esperando”.
Ademais da achega económica, o Deputado Provincial puxo en valor que “cedemos á Sociedade Protectora o uso desta parcela na que se atopan as instalacións por un prazo de dez anos: unha medida que achega estabilidade ao proxecto e facilita a execución das obras”.
“O noso único obxectivo sempre foi que a Protectora puidese contar canto antes cunhas instalacións modernas posto que leva décadas desempeñando un labor imprescindible. Grazas ao traballo dos seus profesionais e das persoas voluntarias, centos de animais abandonados reciben atención, e os coidados necesarios”, destacou.
As obras permitirán transformar por completo as instalacións de Muxa, coa incorporación de novos espazos e a mellora das dependencias xa existentes. Entre as actuacións previstas figuran a construción dunha clínica veterinaria, a creación dunha residencia para gatos e dun parque de canís, así como o acondicionamento do edificio de corentena para felinos. Ademais, o proxecto contempla a ampliación das instalacións coa construción dun aparcadoiro e dun edificio de recepción, así como a instalación de paneis solares para mellorar a eficiencia enerxética do complexo.