O BNG de Vimianzo criticou que o goberno municipal agardase ao pleno mes de xullo para iniciar a contratación da brigada de prevención e defensa contra incendios, malia que o convenio que contemplaba este dispositivo fora asinado xa en abril de 2025.
A formación nacionalista sinalou que a propia resolución municipal reduce de 10 a 5 días o prazo para presentar solicitudes coa intención de contratar o persoal o 1 de agosto, cando xa se estaban producindo incendios no municipio.
«Non estamos ante un imprevisto. O Concello sabía desde abril de 2025 que debía contar con esta brigada en 2026 e tiña un convenio e financiamento para facelo. Chegar agora ás présas evidencia falta de planificación e traballo previo», manifestou Benxamín Queiro Pérez, voceiro do BNG de Vimianzo.
O portavoz nacionalista reclamou «máis traballo diario e planificación e menos propaganda. Gobernar tamén é facer a tempo o traballo que non sae nas fotos».