A Deputación da Coruña e CEMMA impulsan embarques desde Fisterra para observar e estudar cetáceos

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participou nunha das expedicións científicas para coñecer o traballo de seguimento da fauna mariña.

A Deputación da Coruña colabora coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) na organización de embarques desde Fisterra para observar, identificar e estudar golfiños e outros cetáceos nas costas galegas.

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participou nunha destas saídas ao mar para coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polo equipo de biólogos e polas persoas voluntarias.

As expedicións parten do porto de Fisterra e percorren a contorna da ría de Corcubión e do cabo Fisterra a bordo da embarcación A Munis. Durante unhas tres horas, as persoas participantes colaboran no rexistro de avistamentos e na toma de fotografías das aletas dorsais dos cetáceos.

Estas imaxes permiten identificar cada animal de forma individual e facer un seguimento da súa presenza, dos seus movementos e da evolución das poboacións, mediante unha técnica que non causa ningún dano aos exemplares.

Antes de saír ao mar, as persoas participantes reciben formación sobre os cetáceos presentes no litoral galego e sobre os protocolos de actuación ante o varamento dun mamífero mariño.

O proxecto conta co apoio económico da Deputación da Coruña e combina investigación científica, participación cidadá e educación ambiental. Os datos recollidos permiten mellorar o coñecemento da fauna mariña e contribuír á protección da biodiversidade das costas coruñesas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios