O HackUDC reúne esta fin de semana na Coruña a estudantado e mocidade titulada nunha nova edición do maior hackaton de Galicia

A Facultade de Informática (FIC) será a sede dunha 4º edición que contará con máis de 450 participantes e prolongarase ata o 1 de marzo.

A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) será a sede esta fin de semana da 4ª edición do HackUDC, o maior hackathon de Galicia e o segundo máis grande de España. Esta nova edición terá lugar dende o 27 de febreiro ao 1 de marzo, xornadas nas que a FIC acollerá a máis de 450 estudantes de toda a península, que poñerán a proba os seus coñecementos tecnolóxicos formando equipos e competindo por premios con valor de máis de 8000 €.

A cerimonia de apertura terá lugar este venres ás 18:30 no salón de actos da FIC cunha mesa redonda onde se falará sobre os efectos da IA, o emprendemento respecto á xente moza e o futuro do sector tecnolóxico. Esta actividade será protagonizada polo reitor da UDC, Ricardo Cao e a vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía, xunto ao director da AESIA, Alberto Gago e Carmen Pumariño, do comité de dirección de Startup Galicia. 


O HackUDC é un hackathon de software libre liderado e organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), no que as persoas participantes dispoñen de 36 horas para crear un proxecto tecnolóxico desde cero. Os equipos, formados por ata catro integrantes, poderán desenvolver solucións baseadas nos retos propostos polas entidades patrocinadoras ou presentar unha idea orixinal. Todos os proxectos deberán publicarse baixo unha licenza libre.
 

O evento é totalmente gratuíto e inclúe espazos de traballo, conexión wifi, manutención completa durante a fin de semana (almorzos, xantares, ceas e petiscos) e zonas habilitadas para o descanso. A organización ofrecerá tamén actividades de formación de equipos ao inicio do encontro, facilitando que aquelas persoas que non conten con grupo previo poidan integrarse nun.



A edición de 2026 conta co patrocinio de empresas e entidades do sector tecnolóxico, como InditexTech, Kelea, Merlin Software, Alén Space,  Denodo, Grafana Labs, Gradiant e o CITIC.

Colaboran tamén a propia Universidade da Coruña, a Facultade de Informática da Coruña, a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galcia (AMTEGA), Startup Galicia, Grupo Billigham e Sticker Mule, entre outras entidades.


Consolidado como un referente no panorama tecnolóxico galego, o HackUDCcontinúa a promover a creatividade, a colaboración e o compromiso co software libre, convertendo a UDC nun punto de encontro para o talento emerxente e o ecosistema innovador.



Comparte éste artículo
No hay comentarios