O investimento aprobado no pleno de hoxe súmase á construción da variante de Padreiro, que supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros.
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade, o proxecto para a renovación d capa de rodaxe na estrada provincial DP-9203, que conecta as localidades de Caxadas e Baíñas, no termo municipal de Vimianzo. Esta nova intervención da institución provincial contará cun investimento total de 442.900,52 euros e centrarase en actuar sobre dous tramos da vía que suman máis de tres quilómetros e medio de lonxitude, concretamente os comprendidos entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+200, e do 4+800 ao 6+130.
O obxectivo principal desta obra é acondicionar a superficie de rodaxe para garantir unha circulación máis fluída, cómoda e segura para toda a veciñanza e os condutores que empregan habitualmente esta estrada. Os traballos previstos consistirán no estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en todo o ancho da plataforma da estrada, así como no fresado e a posterior reposición do firme en todas aquelas zonas que presenten blandóns ou deterioro estrutural..
De forma previa ás labores de pavimentación, faranse traballos adicionais como o desbroce da vexetación, a limpeza das beirarrúas e beiras, e a apertura e perfilado das cunetas co fin de asegurar a correcta evacuación das augas pluviais. O proxecto completarase cunha intervención integral na seguridade viaria, que contempla a renovación e repintado da sinalización horizontal no eixe, bordos e inscricións, xunto coa actualización da sinalización vertical, os elementos de balizamento e as liñas de defensa.
Unha vez asinado o acta de comprobación do replanteo, as obras contarán cun prazo de execución de cinco meses.
A alcaldesa de Vimianzo e deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dunha mellora moi necesaria nun dos principais viarios provinciais do municipio e nunha conexión estratéxica para as comunicacións de Vimianzo cara a Santiago.
Preto de 2 millóns de euros nos últimos anos
Este novo investimento súmase aos traballos de renovación integral xa completados con anterioridade nesta mesma estrada DP-9203, nos que se investiron máis de 1,5 millóns de euros. Deste xeito, nos dous últimos anos investíronse preto de dous millóns de euros nesta estrada provincial.
Aquela actuación supuxo un antes e un despois para a seguridade da zona ao eliminar a sinuosa e perigosa travesía do núcleo de Padreiro mediante a construción dunha nova variante, a creación dunha senda peonil accesible de case dous quilómetros de lonxitude para protexer os peóns e a construción duna nova ponte sobre o río Castro.