O pleno provincial aprobou por unanimidade o proxecto, que busca mellorar a seguridade viaria coa creación dunha senda peonil e os servizos da estrada que dá acceso ao núcleo de Poulo dende a DP-3802.
O pleno da Deputación deu luz verde hoxe —por unanimidade— á intervención de mellora na estrada provincial DP-5905 que dá acceso ao núcleo de Poulo, no concello de Ordes, dende a DP-3802. O proxecto contempla a execución dunha senda peonil para separar o tráfico rodado dos viandantes e a instalación de redes municipais de saneamento e abastecemento de auga.
A obra desenvolverase nun treito de 1,3 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0 e 1+300, dando continuidade ao itinerario peonil existente dende o centro urbano de Ordes ata A Calle. O orzamento total da actuación ascende a 926.816,10 euros e o prazo de execución esténdese 6 meses dende o inicio dos traballos. En concreto, a creación da senda peonil será financiada integramente pola Deputación, cun investimento de 785.869,04 euros; mentres que a dotación das infraestruturas de saneamento e abastecemento será custeada polo Concello con 156.974,36 euros.
As obras proxectadas inclúen a construción dunha senda peonil de dous metros de ancho con acabado en formigón coloreado, a execución de cunetas transitables de seguridade, a canalización de augas pluviais e o estendido dunha nova capa de rodadura bituminosa co posterior repintado das marcas viarias. No tramo central da vía, nun treito de aproximadamente 200 metros, atravesado polo Camiño de Santiago, proxéctase unha plataforma única de convivencia reforzada con franxas de lousas de pedra granítica e acabados especiais para integrarse na contorna.