‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’ continúa as súas representacións programadas por Galiza Cultura polo país logo da súa primeira representación en Ferrol

A adaptación de Lucho Penabade para este 31 de outubro e as lecturas programadas do domingo 1 de novembro, da man do tecido asociativo cultural do país, poñen de manifesto a demanda dunha programación cultural alternativa ás modas importadas e a viveza da celebración dos nosos costumes culturais.

Logo de se celebrar este mércores 28, no teatro Xofre de Ferrol, a primeira das representacións que a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura ten programadas para celebrar este ano as datas do Samaín e o Día de Defuntos, a adaptación, baixo dirección de Lucho Penabade e interpretada polo elenco afeccionado da Asociación Cultural O Galo» e a Asociación Cultural e Musical Solfa fará o propio no Auditorio do Centro Ágora este sábado 31 a partir das 19.30 horas.

“A peza, un pequeno relato costumista escrito por Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922, percorre as relacións sociais establecidas nun camposanto, no alén, vistas a través dun ollo de vidro que un dos mortos levou consigo, establecendo paralelismos moi semellantes á sociedade dos vivos. Non é casual que a Federación Galiza Cultura escolleramos esta obra teatral pois o que no seu día Castelao poñía en evidencia no texto, unha reflexión crítica na defensa da lingua e dos costumes propios, a denuncia das situacións de desigualdade e a nítida exposición da loita de clases, a crítica social e as relacións de poder, son moi semellantes á situación actual no país” destacan desde a Federación.

Con todo, Galiza Cultura tamén reivindica, con esta actividade o Samaín como legado vivo da nosa cultura, celebración milenaria do paso estacional que supón o remate da época do verán cara o outono facendo, despois da representación na Coruña, un magosto popular para todas as persoas asistentes.

Do mesmo xeito, as actividades continúan o domingo día 1, nas que terá lugar, noutras dúas localidades do país, O Carballiño e Gondomar, senllas lecturas. 

No Carballiño, da man da Agrupación Cultural Avantar tense organizada a lectura da obra a partir das 13 horas na Praza Maior, realizando ao final do evento o sorteo dun lote de libros. E en Gondomar, organizado pola A. C. Centáurea, desde as 19 horas, na Praza das Escolas Vellas (fronte a Casa da Cultura), farase o propio coa celebración dunha chocolatada final.

Porén, o ronsel de actividades das representacións dramatizadas e lecturas da obra de Castelao non rematará na fin de semana pois a Federación, e coa colaboración da Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa Agra do Orzán, da Asociación Cultural Alexandre Boveda, Asociación Cultural e Deportiva Tempo Novo, a Agrupación Cultural O Facho e a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal tamén ten previsto celebrar a cargo do seus grupos de teatro amador representacións o domingo 8 de novembro, ás 18 horas, no Centro Social da Rúa, cedido polo Concello de Miño, e o venres 13 de novembro, ás 20 horas, no Salón de Plenos do Concello de Sada, ademais de estar en planificación outra lectura máis, desta volta organizada pola Asociación Cultural Auriense, na propia cidade de Ourense, para o sábado 14.

Desde a Federación poñen en destaque que esta cuarta edición supón un paso adiante na formulación desta actividade pois a súa organización durante os últimos meses implicou a máis dun cento de persoas de todas as entidades colaboradoras amais de nos achegar a máis dun milleiro de persoas coas estas escenificacións, que son totalmente de balde e abertas a todas aquelas persoas que queiran participar.

Estas actividades lévanse a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2026 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios