Elena Candia consegue 1.4 millóns de euros da Xunta para a remodelación integral do CEIP de Nadela

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, valorou como un «éxito da lealdade institucional» o anuncio realizado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sobre o investimento de 1,4 millóns de euros que a Xunta destinará á remodelación integral do CEIP Plurilingüe de Nadela.

Candia subliñou que este proxecto, que transformará por completo os catro edificios do complexo escolar, é froito das xestións directas da Alcaldía co Goberno autonómico para atender as demandas educativas do municipio. «Cando as administracións colaboran con lealdade, Lugo avanza. Nadela contará cun colexio moderno, accesible, eficiente e preparado para as próximas décadas», aseverou a rexedora.

Un centro de consumo enerxético case nulo

A actuación, encadrada no Plan de nova arquitectura pedagóxica do Executivo galego, licitarase neste mesmo mes de agosto coa previsión de estar rematada para o inicio do curso 2027/2028. A obra permitirá recortar nun 92% o consumo enerxético e as emisións de CO₂ do recinto.

Entre as melloras técnicas proxectadas destacan:

  • Eficiencia e climatización: Illamento térmico mediante sistema SATE nas fachadas, substitución de carpinterías exteriores, nova iluminación LED e cambio das caldeiras de gasóleo por un sistema de biomasa.
  • Espazos educativos: Construcción dun novo patio cuberto de 309 m², ampliación do comedor e a biblioteca, modernización da cociña e habilitación dunha nova aula.
  • Accesibilidade: Instalación de ascensor, aseos adaptados e un itinerario exterior protexido que conectará os catro inmobles.

Uso público dos pavillóns dos institutos

A aproveitando a visita institucional, Candia e Rodríguez selaron un convenio de colaboración polo cal o Concello de Lugo e a Consellería poñerán as instalacións deportivas dos institutos públicos da cidade a disposición de toda a cidadanía fóra do horario lectivo.

A alcaldesa definiu o acordo como «un exemplo de política útil centrada en optimizar os recursos públicos para ampliar a oferta deportiva municipal», concluíndo que a intervención en Nadela supón «unha das actuacións educativas máis relevantes dos últimos anos en Lugo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios