O Concello de Lugo e a Xunta asinan o convenio que amplía o uso das instalacións deportivas dos institutos fóra do horario lectivo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinaron este mediodía o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia que amplía o uso das instalacións deportivas dos institutos de titularidade autonómica fóra do horario lectivo —tardes e fins de semana—, establecendo un marco de colaboración que dá cobertura a unha actividade que xa viñan desenvolvendo numerosos clubs da cidade.

«Este convenio permítenos dar estabilidade e garantir que os clubs poidan seguir desenvolvendo a súa actividade nun marco claro e seguro. É un exemplo de que, cando as administracións colaboran, é posible ofrecer solucións útiles para a cidade”

A aplicación do convenio iniciarase no pavillón dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti, dous dos espazos deportivos con maior demanda da cidade, empregados habitualmente por nove clubs deportivos. Esta primeira fase permitirá implantar un modelo que poderá estenderse progresivamente aos sete centros de titularidade da Consellería en Lugo, incorporando tamén as instalacións dos IES Sanxillao, Leiras Pulpeiro, Muralla Romana, Ánxel Fole e Politécnico de Lugo, ampliando así as opcións dispoñibles para a práctica deportiva e favorecendo un mellor aproveitamento dos equipamentos públicos.

Un reparto claro das responsabilidades

O convenio determina as obrigas que corresponde asumir a cada administración. No caso do Concello, comprométese a:

– Solicitar á dirección do centro a autorización para o uso das instalacións,

– Designar unha persoa responsable das actividades,

– Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil

– Realizar a limpeza das instalacións ao remate de cada uso, garantindo que queden preparadas para a súa utilización inmediata pola comunidade educativa.

– Aboar a parte proporcional dos gastos ordinarios de funcionamento —como electricidade, auga e calefacción—, calculada en función do tempo de utilización e da superficie empregada

Candia destacou que este acordo responde á vontade do Goberno municipal de facilitar o labor das entidades deportivas e de aproveitar ao máximo unhas instalacións públicas.

A alcaldesa agradeceu a colaboración da Consellería de Educación para facer posible este acordo e subliñou que ambas administracións seguirán traballando de maneira coordinada para continuar mellorando os servizos e as oportunidades que o deporte ofrece á cidade. No acto estiveron presentes os directores dos institutos dos Ollos Grandes e Lucus Augusti así como tamén representantes de diferentes clubes desportivos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios