A opinión pública galega, historicamente atenta aos movementos xeopolíticos pola nosa condición de nación periférica e migratoria, asiste con certa distancia ao labirinto de Ceuta e Melilla. Porén, o que alí se xoga non é unha simple disputa territorial norteafricana, senón a definición mesma das costuras estratéxicas, xurídicas e sociais da Unión Europea. O vello status quo colonial e comercial que sostivo estas dúas cidades autónomas durante séculos rachou de xeito irreversíbel, deixando ao descuberto un modelo de extrema fraxilidade cara ao futuro.
O primeiro elemento desta metamorfose é de carácter demográfico e identitario. Nos últimos corenta ou corenta e cinco anos, Ceuta e Melilla experimentaron unha mutación étnico-relixiosa sen precedentes. A partir do proceso de regularización iniciado a mediados dos anos oitenta do século XX, a poboación de orixe musulmá —maioritariamente de etnia bérber ou tamazight no caso de Melilla— accedeu á plena nacionalidade española. Hoxe, estas comunidades de orixe musulmá representan xa arredor do 50% do censo en Ceuta e superan lixeiramente esa porcentaxe en Melilla. Esta realidade fracturou o vello monopolio político dos partidos de ámbito estatal, propiciando a emerxencia de forzas localistas alicerzadas nestes sectores de orixe extraeuropeo (como Coalición por Melilla ou o Movemento pola Dignidade e a Cidadanía) que actúan como auténticas chaves de gobernabilidade, mudando as dinámicas sociolóxicas e singularizando un debate electoral adoito polarizado.
A esta mudanza interna sumouse unha remuda estrutural da súa contorna económica nos últimos cinco anos. O ano 2021 marcou un punto de non retorno co peche unilateral por parte de Marrocos do histórico «comercio informal» e a posterior blindaxe fronteiriza coa esixencia de visado obrigatorio. A fin do contrabando consentido asfixiou economicamente as áreas marroquís colindantes, como al-Fnideq (Castillejos) ou Nador, onde máis de cen mil persoas ficaron sen sustento, disparando a miseria e a frustración social que alimenta a migración. Pola contra, Ceuta e Melilla víronse forzadas a unha «peninsularización» artificial, subsidiada polo Estado e pola UE a través de plans de reconversión que tentan transformalas en hubs dixitais e de servizos, cortando os seus lazos físicos con África.
O transfundo económico de Marrocos agrava este cadro. Malia a súa indubidábel modernización loxística e industrial (coa canle de Tanger Med), o reino alauíta amosa un desemprego xuvenil que supera o 36% nas áreas urbanas, lastrado polo favoritismo e pola falla de oportunidades, en parte conectada coa deficiente formación profesional que restrinxe de xeito substancial a empregabilidade-tamén na Europa- de centos de milleiros de mozos marroquinos. Neste contexto, o control da inmigración por parte a Administración do rei Mohamed VI é puramente relativo e, sobre todo, instrumental. Rabat demostrou dominar o «grifón» migratorio como unha eficiente ferramenta de presión xeopolítica (ou guerra híbrida) contra Madrid e Bruxelas, relaxando a vixilancia fronteiriza cando cómpre forzar concesións diplomáticas e blindándoa de novo cando flúen os millonarios fondos europeos de cooperación. Mais medra a desafección destes centos de milleiros de mozos, excluídos pola política da Administración real marroquina.
O impacto deste escenario chega de cheo á UE e- queirámolo ou non- dalgún xeito tamén a Galicia. Como fronteira exterior terrestre, a permeabilidade de Ceuta e Melilla devala na redistribución de fluxos asistenciais por todo o Estado, afectando as cotas de acollida e os sistemas de asilo, tamén na nosa Galicia. Ademais, nunha Europa tensionada polo novo Pacto de Migración, calquera fenda de seguridade ou crise humanitaria nestes perímetros altera o equilibrio e a estabilidade de todo o espazo Schengen, como estamos a ver.
As feblezas do modelo actual cara ao futuro son evidentes. Cómpre un debate que analice a viabildiade relativa de manter no longo prazo dúas illas urbanas hiper-subvencionadas rodeadas de rexións deprimidas sen un sistema institucional de cooperación con Marrocos que vaia máis alá do mero control policial. A dependencia absoluta do orzamento público e a vulnerabilidade diante da xeopolìtica, da corrupción e da falla de aquelado pulo de desenvolvemento económico de Rabat converten Ceuta e Melilla nun equilibrio inestábel sobre o arame. Ademais, a falla de cobertura explícita no que atinxe á defensa militar-artigo 6 do Tratado da OTAN-, unida á crecente asimetría demográfica interna, esixen que Madrid e Bruxelas pasen da mera contención policial a unha blindaxe xurídico-internacional definitiva.
Velaí un reto de cohesión que o Estado español e maila UE non poden ignorar e que non se resolverá nin exclusiva nin nomeadamente con exércitos e policías.