A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves no exterior do Pazo provincial o acto de entrega da cuarta edición dos premios de opinión xornalística #MulleresQueOpinan, unha acción complementaria ao foro As mulleres que opinan son perigosas que premia os mellores traballos sobre as temáticas que se abordaron na edición deste ano do congreso. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que asistiu ao acto xunto coa deputada de Igualdade, Paula Bouzós, foi o encargado de entregar os premios xunto coa concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías. Estes recaeron en Anusch Lores Lemos polo artigo “Hijas del desgaste” na modalidade en castelán e Rosa Taboada Rey por “A tristura democrática do amor” na categoría en galego.
#MulleresQueOpinan pretende promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres, así como fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. Rafa Domínguez sinalou que iniciativas como esta “contribúen á liberdade e axudan a mellorar o día a día, polo que institucións como a Deputación e o Concello temos que estar detrás, porque é algo que nos une”. O vicepresidente provincial sinalou o éxito da convocatoria, onde se recibiron un total de 14 artigos en castelán e 12 en galego, e trasladou os seus parabéns ás dúas gañadoras, que recibirán un premio de 1.000 euros cada unha.


O vicepresidente puxo en valor que o encontro As mulleres que opinan son perigosas, que é hoxe “máis necesario que nunca, porque estamos vendo que na nosa sociedade empezan a aparecer espazos para o negacionismo e correntes que van en contra do feminismo”. Neste sentido, Domínguez lembrou que “desde a Deputación de Pontevedra queremos seguir apoiando iniciativas como esta e invitamos a que cada vez vaian aparecendo máis”.
Os Premios #MulleresQueOpinan son unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra á que se puideron presentar artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente, así como as temáticas que nel se abordaron, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. Os artigos, que tiñan que ser orixinais e escritos por mulleres, podían ser inéditos ou de xornalistas que cubriran as xornadas e publicaran nos medios onde traballan.