A Laracha. O Campus de baloncesto pecha esta semana cinco xornadas de deporte e diversión

Vinte rapaces de entre 6 e 15 anos de idade participaron nesta actividade dirixida por cinco adestradores especializados.

Cinco xornadas para aprender, mellorar e, sobre todo, desfrutar do baloncesto. Así transcorreu esta semana unha nova edición do Campus de Baloncesto que desde o pasado luns e ata hoxe reuniu no Pavillón Municipal da Laracha a 20 rapaces de entre 6 e 15 anos.

Ao longo destes días os participantes tiveron a oportunidade de traballar diferentes aspectos do xogo a través de adestramentos e exercicios adaptados ás súas idades e niveis. Os cinco adestradores especializados que estiveron ao seu cargo combinaron o traballo técnico e táctico con xogos e actividades máis dinámicas, facendo que a aprendizaxe se desenvolvese nun ambiente de diversión e compañeirismo.
O campus, que este ano alcanzou a 16ª edición, está pensado tanto para aqueles nenos que xa teñen experiencia co baloncesto como para os que queren achegarse por primeira vez a esta disciplina. Ademais de mellorar as habilidades propias dese deporte, a actividade permitiulles compartir tempo con outros rapaces e reforzar valores como o traballo en equipo, o respecto polos compañeiros e o esforzo.

A proposta forma parte da programación municipal de verán, que ao longo destas semanas ofrece diferentes alternativas deportivas, culturais e de lecer para todos os públicos, e especial para a infancia e a mocidade da Laracha. O obxectivo é que as vacacións escolares sexan tamén unha oportunidade para manterse activos e descubrir novas afeccións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios