A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia denuncia o destrozo do xardín da Fonte dos Ranchos por xabarís e esixe medidas urxentes á Xunta e ao Concello

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia ven de denunciar publicamente os graves destrozos ocasionados no céspede do xardín da Fonte dos Ranchos na madrugada do 4 ao 5 de agosto, provocados pola irrupción dun número importante de xabarís.

Dende o colectivo veciñal alertan de que a zona afectada atópase rodeada por dúas das vías con maior intensidade de tráfico do barrio e da cidade, constituíndo un punto crítico de acceso e saída cara á zona norte e oeste. A presencia destes animais na calzada supón un risco elevado e inmediato de accidentes de tráfico de graves consecuencias.

Inacción administrativa e risco sanitario

A Plataforma veciñal cualifica de «insostible» a inacción da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo ante as constantes incursións e danos provocados polas crías de xabarín e as súas nais no ámbito urbano.

Máis alá do perigo no tráfico, a veciñanza sinala o risco directo para a seguridade cidadá e a salubridade pública:

  • Seguridade peonil e mascotas: Existe un risco real de ataques defensivos por parte dos xabarís se se senten ameazados polas mascotas da veciñanza durante os paseos nocturnos.
  • Alertas sanitarias: Ao trátarse de animais salvaxes sen controis veterinarios, a súa presenza en parques públicos aumenta o risco de transmisión de enfermidades.

«O xardín destrozado polos xabaríns esta semana foi a zona de xogos dunha festa infantil o pasado 22 de xuño. Isto é indicativo do risco sanitario que supón compartir espazos de lecer onde os animais salvaxes desenvolven a súa actividade diaria, comen e defecan», advirten dende a Plataforma Veciñal.

Exixencia de solucións inmediatas

Ante esta situación de emerxencia urbana, a Plataforma Veciñal Barrio da Residencia solicita que a Xunta de Galicia, como administración competente en materia de fauna silvestre, en coordinación e colaboración directa co Concello de Lugo, adopte medidas urxentes e efectivas para controlar a presenza de fauna salvaxe no casco urbano e evitar que aconteza unha traxedia no barrio ou en calquera outra zona da cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios