A eurodeputada do BNG solicita formalmente a publicación do expediente aberto contra o Estado español por ampliar ilegalmente a concesión da autoestrada AP-9, realizada polo Goberno de José María Aznar.
Logo de que o Tribunal Supremo pedise á Comisión Europea o Ditame motivado no que declara contraria ás normas da UE a ampliación da concesión da AP9 até o 2048, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, solicita formalmente á Comisión Europea coñecer a información dese procedemento de infracción aberto contra o Estado español ante a súa relevancia e interese público para a cidadanía galega.
A representante do BNG tamén demanda coñecer a resposta do Goberno español na que rexeita iniciar a anulación da concesión, malia ao Ditame motivado emitido pola Comisión Europea hai máis dun ano (INFR(2021)4052) ao respecto ás normas da UE en materia de contratación pública, incluídos os contratos de concesión.
O Tribunal Supremo vén de preguntar á Comisión Europea sobre a procedencia de publicar o seu Ditame motivado sobre a a AP9. Neste contexto, Ana Miranda esixe coñecer actuación de Bruxelas ao respecto ante a negativa do Estado español a anular a prórroga porque “levamos moitos anos solicitando información pública deste expediente e cremos que agora coa decisión do Tribunal Supremo deberíamos ter acceso a el para coñecer o impacto na sociedade galega, ante a demanda que existe no noso pobo e polas últimas decisión no Parlamento español sobre a transferencia da competencia”
Transparencia e interese público
A eurodeputada do BNG xa demandara oficialmente en abril do 2024 e en setembro do 2025 á Comisión Europea información sobre o expediente contra o Estado español, ademais de presentar unha solicitude no portal de transparencia para acceder ao expediente INFR(2021)4052 por incumprimento da normativa europea na ampliación da concesión da AP9. Nunha reunión de traballo, Ana Miranda tamén lle trasladou á Defensora do Pobo, Teresa Anjinho, o escurantismo sobre esta documentación.
“Consideramos que ter que haber transparencia neste procedemento e ante a relevancia pública e o interese xeral, como xa se lle transmitiu á Comisión Europea en varias preguntas parlamentares, e debe existir un acceso público aos documentos”, demanda a eurodeputada do BNG.
Bruxelas abriu no 2021 un proceso de infracción contra o Estado español por mor da prórroga do Goberno de José María Aznar á concesión da AP9 até o 2048 para, posteriormente, vender ambas concesións “sen convocar procedementos de licitación previos nin publicar un aviso”. O executivo comunitario decretou o 17 de xullo do 2025 que non se cumpriran “as normas sobre contratos na concesión de autoestradas” e deu ao Estado español un prazo de dous meses para “tomar as medidas necesarias” na corrección das irregularidades, prazo xa incumprido.
O BNG conseguiu que o Goberno español finalmente autorizase a transferencia da autoestrada AP9 a Galiza, grazas ao traballo dos seus representantes, o deputado Néstor Rego e da senadora Carme da Silva, unha transferencia que a Xunta de Galiza presidida por Alfonso Rueda está rexeitando.