A actuación permitirá crear un espazo máis seguro, moderno e inclusivo, con novos xogos, un pavimento renovado e elementos adaptados para que todos os nenos e nenas poidan desfrutalo en igualdade de condicións.
O Concello de Noia licitará nas vindeiras semanas as obras de renovación integral do parque infantil da Alameda, un dos espazos de xogo máis utilizados do municipio, cun investimento de 66.997,46 euros (IVE incluído) e un prazo de execución estimado de cinco semanas.
A actuación responde ao desgaste acumulado polo paso do tempo e o uso continuado, facendo necesaria unha intervención profunda que permitirá modernizar completamente as instalacións, reforzar a seguridade e adaptar o parque ás necesidades actuais das familias.
O proxecto contempla a renovación completa do pavimento continuo de caucho, que será substituído por unha nova superficie amortecedora de impactos conforme á normativa europea de seguridade, cun acabado decorativo que fará o espazo máis atractivo e confortable para os nenos e nenas.
Entre as principais novidades destaca tamén a creación dunha montaña lúdica, equipada cunha zona de escalada mediante presas adaptadas e un tobogán integrado na propia estrutura, fomentando o xogo activo, a autonomía e o desenvolvemento das habilidades motrices.
A reforma incorporará ademais novos elementos inclusivos, entre eles un carrusel adaptado para persoas con mobilidade reducida, co obxectivo de que todos os nenos e nenas poidan compartir o mesmo espazo de xogo sen barreiras.
A actuación completarase coa instalación dun novo balancín con forma de tartaruga e coa renovación de diferentes elementos xa existentes, incluíndo o reforzo da estrutura do conxunto principal, a substitución de pezas deterioradas, a renovación do tobogán e o cambio dos asentos das randeeiras para bebés, prolongando a vida útil do parque e mellorando as condicións de uso.
O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou que «os parques infantís son moito máis ca un espazo de xogo: son lugares de encontro para as familias e unha parte importante da infancia de moitos nenos e nenas. Queremos que a Alameda conte cun parque moderno, seguro e accesible, á altura do que merece Noia.»
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, explicou que «non falamos dunha reparación puntual, senón dunha renovación integral. Actuaremos sobre o pavimento, os xogos e a accesibilidade para ofrecer un espazo completamente renovado, máis atractivo e preparado para seguir sendo unha referencia para as familias durante moitos anos.»
Unha vez publicada a licitación e adxudicadas as obras, os traballos terán un prazo de execución de cinco semanas.
Con esta actuación, o Concello de Noia continúa avanzando na mellora dos espazos públicos municipais, apostando por infraestruturas de maior calidade que favorezan a convivencia, o lecer e o benestar das familias noiesas.