Antonio Ameijide denuncia que, tras caer esta ponte en xaneiro, “a urxencia” que asegurou ter o goberno provincial “non apareceu por ningures” xa que agora hai que agardar os oito meses de prazo da redacción do proxecto e logo a contratación e execución das obras.
Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian a “absoluta falta de urxencia e de interese” do goberno provincial de PSOE e BNG para dar unha solución ao corte da estrada LU-P-3501, en Navia de Suarna, provocado polo derrubamento dunha ponte o pasado 27 de xaneiro.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, censurou que, seis meses despois do colapso desta ponte, “aínda non hai proxecto” e, ademais, en canto se adxudique a redacción do mesmo haberá un prazo de redacción de oito meses.
“O que en xaneiro eran promesas de avaliación técnica con urxencia e no pleno de febreiro vendían como vontade política de arranxo, traduciuse nunha tramitación moi lenta que deixa claro que para o PSOE e o BNG a montaña lucense non é unha prioridade”, denunciou.
Antonio Ameijide lamenta que aínda estea pendente de contratar a redacción do proxecto, o que engadido aos oito meses de prazo de redacción e a posterior licitación das obras e a súa execución “provocarán unha demora moi grande na reparación da ponte”. “Sumando os prazos e os tempos de obra, os veciños de Navia de Suarna terán que agardar anos por unha solución que o goberno bipartito prometeu resolver pola vía de urxencia”, denunciou.
Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen ao goberno de PSOE e BNG que axilice ao máximo os prazos, evitando que os veciños de Navia sigan pagando a “desidia e a falta de xestión” de PSOE e BNG.
Ademais, Antonio Ameijide pide “maior preocupación” polo mantemento da rede viaria provincial, recordando como “tanto os veciños como dende o Grupo Provincial Popular estivemos anos avisando do estado desta ponte que finalmente caeu, mentres PSOE e BNG miraron cara outro lado porque o mantemento da rede viaria non é unha preocupación para este goberno”.
Neste senso, Ameijide incidiu en que “o mantemento e a seguridade non son unha prioridade para Carmela López e para Efrén Castro porque non o poden inaugurar e non lles dá para sacar unha foto”.