Segundo indica o equipo investigador, “os resultados contribuirán ao coñecemento da evolución destes grandes felinos e poderán achegar información de interese para a conservación do lince ibérico e do lince boreal”.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto “INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental”, unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
O equipo investigador está liderado por Gloria González Fortes, investigadora sénior do programa Beatriz Galindo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e asociada ao CISPAC, xunto con Aurora Grandal d’Anglade, profesora titular de Paleontoloxía da UDC, directora do Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) e tamén asociada ao CISPAC; e Fernanda Rodríguez Fariña, responsable do Servizo de Bioloxía Molecular dos Servizos Centrais de Investigación (SAI) da UDC.
Así mesmo, o proxecto contará coa colaboración de especialistas das universidades de Copenhague e Toulouse, do Centro de Investigación Leibniz-IZW de Berlín e do Museo delle Civiltà de Roma, entre outras institucións internacionais.
Reconstruír a historia dos linces europeos
INTERLYNX centrarase no estudo paleomolecular —mediante análise de ADN e proteínas antigas— das tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa desde o Pleistoceno ata tempos históricos: o lince ibérico (Lynx pardinus), o lince boreal (Lynx lynx) e o lince das cavernas (Lynx spelaeus).
As tres especies coexistiron durante miles de anos na Península Ibérica e investigacións recentes demostraron que existiron procesos de hibridación entre o lince ibérico e o lince boreal, que mesmo puideron contribuír a incrementar a diversidade xenética da especie ibérica. Con todo, aínda se descoñece cando se produciron estes intercambios xenéticos, que poboacións ancestrais participaron neles e cal foi a súa relación coas poboacións actuais de lince boreal.
Para responder a estas cuestións, o equipo aplicará técnicas de xenómica antiga a restos fósiles procedentes do suroeste europeo. Segundo explican do equipo de investigación, “a comparación dos xenomas permitirá establecer as relacións evolutivas entre as distintas especies e reconstruír os procesos de hibridación ocorridos no pasado”.
De forma complementaria, engaden, “a análise de isótopos estables permitirá reconstruír as condicións ambientais nas que viviron estes animais e comprender mellor a súa adaptación aos cambios climáticos e ecolóxicos”.
Os resultados da investigación contribuirán a reconstruír a historia evolutiva dos linces europeos e poderán identificar posibles fontes de restauración xenética de interese para futuros programas de conservación do lince ibérico en España e do lince boreal no norte e sureste de Europa.
Unha liña de investigación pioneira na UDC
INTERLYNX enmárcase na liña de investigación sobre grandes felinos antigos impulsada pola Universidade da Coruña desde 2023 coa incorporación de Gloria González Fortes para dirixir o Laboratorio de ADN Antigo. Este laboratorio é o único de Galicia e un dos poucos existentes en España con capacidade para realizar análises xenómicas de restos fósiles.
Nesta mesma liña de investigación, González e Grandal dirixiron recentemente a análise paleomolecular do último exemplar de lince boreal da Península Ibérica, un traballo desenvolvido no marco do Traballo Fin de Máster de Eva Fernández Bejarano, que permitiu identificar o lince boreal como o histórico «lobo cerval» da Cordilleira Cantábrica. Actualmente, Eva Fernández realiza a súa tese de doutoramento no IUX, continuando o estudo xenómico dos últimos grandes felinos do Pleistoceno no proxecto InterLynx.