Controlado o incendio rexistrado na Praza do Campo de Lugo sen lamentar danos persoais

O incendio declarado nas últimas horas na Praza do Campo, no corazón do casco histórico da cidade, atópase totalmente controlado grazas á rápida e coordinada intervención dos servizos de emerxencia e seguridade. O suceso afectou ás instalacións do restaurante Antas sen que se produciran danos persoais.

Desde o primeiro momento do incidente, a alcaldesa de Lugo desplazouse ata o lugar dos feitos para seguir de primeira man o desenvolvemento dos traballos de extinción e a evolución da situación, supervisando a coordinación do dispositivo implantado na zona.

O operativo de intervención contou coa participación dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Bombeiros de Lugo), xunto a patrullas da Policía Local, a Policía Nacional e efectivos de Protección Civil. A rápida actuación do corpo de bombeiros foi determinante para perimetrar o lume e evitar a súa propagación a outros inmobles lindeiros do recinto amurallado.

«Quero agradecer enormemente o impecable traballo dos Bombeiros, da Policía Local, da Policía Nacional e de Protección Civil, que actuaron con máxima rapidez e profesionalidade para garantir a seguridade de todos e protexer o noso patrimonio. O lume xa está controlado, pero pedimos prudencia á cidadanía mentres rematan os traballos na zona», destacou a rexedora municipal.

Mantemento do dispositivo por precaución

Aínda que a situación está baixo control, os servizos de emerxencia manteñen un cordón de seguridade e tarefas de inspección e refresco no inmoble afectado para previr calquera risco e facilitar as labores de ventilación e avaliación de danos materiais.

A alcaldesa, Elena Candia, reitera o agradecemento pola colaboración cidadá e solicita á poboación que atenda ás indicacións dos axentes desprazados na Praza do Campo mentres se conclúen definitivamente as actuacións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios