A eclipse solar deste mércores está a punto de cruzar o ceo de Galicia e, de súpeto, parece que nos convertemos no centro do universo. Á vista da euforia institucional e dos preparativos a grande escala, calquera diría que vivimos nunha California atlántica onde o ceo estará completamente despexado, sen unha soa nube nin unha nesga de orballo que se atreva a estragar o espectáculo. Un verán galego perfecto e sen precedentes onde a visibilidade será, faltaría máis, do cen por cen.
O oportunismo político non tardou en sumarse ao fenómeno. A última gran aportación déixanola José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral dos socialistas gallegos, que non quixo perder a oportunidade de sumarse á febre astronómica. Nun vídeo publicado nas súas redes sociais, cun estilo e unha factura audiovisual que emulan directamente os vídeos máis profesionais e coidados de Pedro Sánchez, o líder do PSdeG amósase listo para o gran día, combinando ese aire de xestión e proximidade coa cita do século.
Aproveitando que durante unhas horas todos imos estar mirando cara ao ceo, unha distracción perfecta para esquecer os problemas de terra firme, máis vale ter todo a punto.
Kit de supervivencia para a eclipse
Tes todo listo para a eclipse deste mércores? Fágoche un recordatorio das cousas máis importantes que debes ter en conta!
• Lentes homologadas: Esquece as radiografías vellas, os cristais afumados ou as lentes do mercadillo se non queres ver o resto do verán en negro.
• Equipamento estratéxico: Cadeira de praia, friambrera coa tortilla e moita paciencia para cazar o mellor sitio no miradoiro.
• Planificación do tráfico: Sae con tempo, que os cortes de tráfico e o postureo nas redes van estar á orde do día.
• Respecto polo monte: Moita cabeza co contorno natural mentres dure o fenómeno.