O BNG de Baleira consegue o apoio unánime do pleno para impulsar a rehabilitación do pavillón municipal

Tino Díaz: “Conseguimos que toda a corporación recoñeza a necesidade de actuar; agora toca que o acordo se cumpra e se traduza en melloras reais.

O BNG de Baleira conseguiu no pleno municipal celebrado o pasado 5 de agosto o apoio unánime da corporación á súa proposta para impulsar a rehabilitación e mellora do pavillón polideportivo municipal, unha instalación utilizada habitualmente polo alumnado do CEIP Plurilingüe Concepción López Rey e que presenta importantes deficiencias de conservación.


O portavoz municipal do BNG, Tino Díaz, valorou positivamente o respaldo de todos os grupos á iniciativa e destacou que “conseguimos que exista un compromiso de toda a corporación para actuar sobre unhas instalacións que precisan dunha intervención. Agora o importante é que este acordo non quede só no papel e que se dean os pasos necesarios canto antes”.


A proposta presentada polo BNG parte da situación actual do pavillón, especialmente do deterioro da cuberta, que provoca filtracións, goteiras e humidades no teito interior, así como da necesidade de mellorar os vestiarios e os baños e garantir un mantemento adecuado das instalacións.
“As nenas e nenos de Baleira teñen dereito a realizar as actividades deportivas nunhas instalacións seguras, dignas e ben mantidas. Esa foi a razón pola que levamos esta proposta ao pleno e celebramos que finalmente todos os grupos compartisen esta necesidade”, sinalou Díaz.


Unha memoria técnica para definir as actuacións


O acordo aprobado por unanimidade contempla que o Concello impulse a elaboración dunha memoria ou informe técnico que avalíe de maneira integral o estado do pavillón, identifique as deficiencias existentes, determine as actuacións necesarias para a súa rehabilitación e estableza unha estimación económica das obras.
Para o BNG, este documento debe ser o primeiro paso para poder planificar unha intervención integral e evitar que o deterioro das instalacións continúe avanzando.
“Levamos tempo advertindo de que non se pode esperar a que os problemas vaian a máis. Canto máis se demore a actuación, maior pode ser o deterioro e máis custosa a súa reparación. Agora existe un acordo plenario e corresponde ao goberno municipal poñelo en marcha”, explicou o portavoz nacionalista.


Un corredor cuberto para o alumnado


A iniciativa aprobada incorpora tamén a proposta do BNG de estudar a viabilidade da construción dun corredor cuberto anexo ao centro educativo, co obxectivo de que as nenas e nenos dispoñan dun espazo protexido da chuvia mentres agardan polo transporte escolar.

“En Baleira coñecemos perfectamente as condicións climatolóxicas durante boa parte do curso. Parécenos unha medida útil e de sentido común estudar unha solución que permita que o alumnado poida agardar polo autobús protexido da chuvia”, indicou Tino Díaz.


O BNG defende que esta posibilidade sexa analizada na propia memoria técnica, aproveitando a planificación da rehabilitación do pavillón para determinar a súa viabilidade e o seu custo.
Así mesmo, unha vez definidas e valoradas as actuacións necesarias, o BNG considera fundamental que o Concello procure a colaboración económica doutras administracións para facer posible a execución das obras. Neste sentido, o BNG de Baleira xa deu pasos para avanzar no financiamento da actuación e obtivo o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do seu vicepresidente, Efrén Castro, de realizar achegas económicas para contribuír á rehabilitación do pavillón. A formación nacionalista considera que o Concello debe buscar tamén a implicación da Xunta de Galiza para completar o financiamento necesario.


“Demos un primeiro paso importante conseguindo a unanimidade do pleno. Agora estaremos pendentes de que o acordo avance, se encargue a memoria técnica e se busquen os recursos necesarios para facer realidade estas melloras. O obxectivo é claro: que o alumnado e toda a veciñanza de Baleira conten cun pavillón en condicións dignas”, concluíu Tino Díaz.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios