Nesta nova entrega do Festival de Autoedición e BD Autobán, case un centenar de creadores e creadoras amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades no mercado de autoedición, que, ademais, contará con obradoiros, sesións de DJ’s, a nova Foliadabán, as presentacións ultrarrápidas de Autobombo e o seu célebre Combate de Debuxantes (este último, o venres 14, ás 19.30h, no Circo de Artesáns).
Autobán, o festival coruñés de fanzines e cómic autoeditado, regresa esta semana á cidade Herculina para celebrar a súa 12ª edición. A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove esta nova edición da cita, que conta cun cartel firmado pola debuxante Julia Abalde e que repite localizacións no Circo de Artesáns e na Praza de San Andrés durante dúas completas xornadas, o venres 14 e o sábado 15 de agosto.
Nesta nova entrega do Festival de Autoedición e BD Autobán, case un centenar de creadores e creadoras amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades no mercado de autoedición, que, ademais, contará con obradoiros, sesións de DJ’s, a nova Foliadabán, as presentacións ultrarrápidas de Autobombo e o seu célebre Combate de Debuxantes (este último, o venres 14, ás 19.30h, no Circo de Artesáns).
A entrega do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, do que este ano foi merecedor o autor Martín Romero, terá lugar o venres, 14 de agosto, tamén no Circo de Artesáns da Coruña, contra ás 17.30 horas. O acto contará con Mateo e Gaudino como presentadores do evento, mentres que Julia Abalde, anterior gañadora co Premio Autobán e membro do xurado neste 2026, fará a entrega do premio e o accésit a Martín Romero e Silver Adree, respectivamente. Julia Abalde estará, tamén, acompañada por Antón Vilaverde, que foi este ano secretario do xurado.
Ademais, no marco do festival Viñetas desde o Atlántico, Autobán organiza a mostra ‘ExpoFanzines 2026’, onde o público pode ver e ler, até o 27 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, as obras presentadas a concurso no III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26.
A información completa desta nova edición de Autobán pode consultarse en www.autoban.gal. O venres 14, as actividades terán lugar no Circo de Artesáns: ás 17.30h, a entrega de Premio Autobán 2026; ás 18.00h, o Autobombo (presentacións rápidas de participantes no Autobán); e, ás 19.30h, o Combate de Debuxantes.
Mentres, o sábado 15, na Praza de San Andrés, poderemos gozar, a partir das 12.00h, do mercado de autoedición; ás 12.30h, do obradoiro infantil de pegatinas por Uxía Larrosa; ás 13.30h, celebraremos a Foliadabán; ás 16.30h, a Sesión DJ de Sekone; ás 18.00h, o obradoiro de fanzines de BOH; ás 19.30h, a Sesión DJ de Xulia Vicente; e, ás 21.30h, será o peche o mercado. Finalmente, celebrarase a festa postAutobán, no Bar 13, a partir das 23.30 horas.
O programa de Autobán inclúe, tamén, una serie de actividades no marco do Viñetas desde o Atlántico 2026: un posto na Rúa da BD, una charla de presentación coas persoas gañadoras do III Premio Autobán, Martín Romero e Silver Adree, moderadas por Julia Ablade, este martes, 11 de agosto, ás 19.30 horas, na carpa da Rúa BD, e unha sesión de sinaturas no stand so Autobán (o número 18), tamén este martes 11, ás 20.00 horas.
SOBRE O III PREMIO AUTOBÁN AO MELOR FANZINE GALEGO 2025-2026
O III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, elixue neste 2026 a Martín Romero como gañador grazas á súa obra Diarios. O premio consta dunha dotación económica de 1.250€ e un trofeo personalizado a man pola artista Julia Abalde (gañadora da pasada edición do certame).
O xurado especializado do certame, integrado polas e polos profesionais Julia Abalde Herrero, David Fernández Fernández e Helena Rodríguez Blanco, decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma, cunha dotación de 350€, a Silver Adree (Adriana Soriano), pola súa obra Antología de un recuerdo.
Este III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026 recibiu un total de 35 proxectos válido (presentáronse un total de 45, peor 10 non cumpriron os termos necesarios). Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines O Campo de Concentración de Lavacolla, de Colective Pipueca; Mi nick ya no era húmeda, de Gemmi Pérez Feijoó (Muller6ollos); Moon Junction, de Anabel Colazo; e O verán que nunca existiu, de Clara Artiaga.
O III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo fosen de orixe galega ou estiveran fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres. A información completa pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio26.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2026, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 12ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das novas promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.