O Concello de Lugo crea unha mesa de traballo co comité do SAF para mellorar o servizo e as condicións das traballadoras

O Goberno municipal de Lugo deu o primeiro paso para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras manter un encontro institucional co comité de empresa das traballadoras. A xuntanza serviu para coñecer en primeira persoa as súas demandas e acordar a creación dunha mesa de traballo permanente na que Concello e representación sindical abordarán melloras organizativas e laborais.

Entre os principais problemas trasladados polo comité destacan os tempos de desprazamento entre domicilios, as dificultades de estacionamento para o persoal que emprega vehículo propio e a necesidade de delimitar con claridade as funcións das auxiliares do SAF.

Para dar resposta a este último punto, o Executivo local poñerá en marcha un labor de pedagoxía dirixido ás persoas usuarias e ás súas familias. O obxectivo é visibilizar a natureza exacta do servizo, dignificar o traballo do persoal e evitar situacións de fricción no día a día dos coidados.

Compromiso cos coidados e redución da lista de espera

A alcaldesa, Elena Candia, subliñou que esta primeira toma de contacto busca dar o protagonismo ás profesionais: «Prestan un servizo público esencial para Lugo e queremos que se sintan escoitadas e arroupadas pola Administración».

Neste sentido, a rexedora lembrou o impacto do plan de choque activado polo Goberno local para combater o colapso na prestación, que acadou unha redución da lista de espera de 50 persoas en só tres semanas.

Pola súa banda, o responsable da área de Servizos Sociais, Gustavo Díaz, fixo fincapé na filosofía que orientará estas negociacións: «Se queremos construír unha cidade que coida das súas persoas dependentes, temos que empezar por coidar ás persoas que as coidan».

A través desta nova mesa de diálogo, o Concello de Lugo continuará avaliando medidas concretas para facer máis atractiva a profesión, mellorar o benestar do persoal e garantir un servizo público de máxima calidade para a veciñanza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios