O PP de Pol condena que “o alcalde siga priorizando regar o campo de fútbol a pesar das recomendacións do Ministerio pola situación de prealerta por seca no municipio”

A portavoz, Nicole Grueira, censura que o rexedor “desatenda” as recomendacións dunha administración pública e “non lle dea importancia a algo tan básico como é o abastecemento de auga aos veciños”.

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, lamenta “a total falta de responsabilidade” do alcalde toda vez que, “en situación de prealerta por seca no noso municipio, continúa malgastando auga regando continuamente o campo de fútbol a pesar das recomendacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Confederación Hidrográfica”.

“O alcalde non só desatende as recomendacións dunha administración pública, senón que parece non darlle importancia a algo tan sensible como un servizo básico e elemental para os veciños e veciñas como é auga e coa que non se debería xogar”, apunta a popular.

A Confederación Hidrográfica ten trasladado ao Concello a importancia de levar a cabo medidas de contención e aforro facendo fincapé en priorizar o uso doméstico. De feito, o propio alcalde emitiu este mércores un bando cunha serie de recomendacións para os veciños e veciñas, pero el mesmo é o primeiro en incumprir as recomendacións sobre o consumo responsable da auga de cara a garantir o abastecemento”. Grueira indica en que “o rexedor, como máximo responsable do Concello, debería dar exemplo; pero Lino Rodríguez non é precisamente un bo exemplo de xestión responsable”, incide.

“Con estas actuacións queda claro que a prioridade do alcalde é o fútbol e non os veciños, que temos que sufrir as consecuencias da súa mala xestión”. De feito, “os veciños e veciñas teñen que pagar o triplo polo seu recibo, mentres o alcalde malgasta todos os días auga en regar o campo de fútbol”.

Grueira lembra que “o goberno local socialista subiu a taxa da auga e do lixo” polo que “cada vez pagamos máis impostos, pero recibimos menos servizos”.

A voceira do PP de Pol reivindica, unha vez máis, “unha xestión responsable e transparente dos recursos municipais para que os veciños poidan desfrutar de servizos municipais de calidade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios