Homenaxe a Celso de Poulo e ás vítimas do Furriolo o 18 de agosto

Os Amigos da República, o Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova únense á familia de Celso Pérez Enríquez, o Celso de Poulo, para render homenaxe ao alcalde republicano de Gomesende asasinado en agosto do 36 e a todas as vítimas dos paseos no Furriolo.

O acto terá lugar no Memorial do Alto do Furriolo (A Bola, Ourense), o martes 18 de agosto ás 20.00 horas, como continuación nestas comarcas do Día da Galiza Mártir ou Día dos Mártires Galegos, conmemorado o día anterior. Xunto ao Celso de Poulo lembraranse todas as persoas paseadas e asasinadas na contorna do Furriolo, tanto pola Limia como por Celanova, moitas delas aínda hoxe sen identificar.

Catorce vítimas documentadas

As entidades organizadoras deron a coñecer unha relación de catorce vítimas documentadas asasinadas no Furriolo entre agosto de 1936 e novembro de 1937, a maioría delas aínda sen identificar. Entre as identificadas figuran Celso Pérez Enríquez, comerciante de 51 anos, alcalde de Gomesende e deputado provincial, sacado do cárcere de Celanova a noite do 18 ou madrugada do 19 de agosto de 1936; Eduardo Villot Canal, mestre e membro da Asociación de Traballadores do Ensino, escarcelado o 18 de agosto e paseado xunto a Celso de Poulo polas chamadas Brigadas Falangistas del Amanecer; e Gumersindo Araújo Sousa, o Requicho, xornaleiro de 25 anos natural de Ferreirós (Entrimo), morto o 15 de setembro de 1936 e soterrado no cemiterio de Sorga.

O resto das vítimas permanecen sen identificar: corpos de home e muller aparecidos entre 1936 e 1937 nos lugares do Corgo, Munio e Sorga, na estrada Allariz-Celanova e na propia estrada do Furriolo, con causas de morte rexistradas nos concellos da Bola e Rairiz da Veiga —hemorraxias e feridas de arma de fogo— que testemuñan a violencia sistemática exercida contra a poboación civil.

Petición de declaración como lugar de memoria

As entidades convocantes reclaman, ao abeiro da Lei 20/2022, de Memoria Democrática, que se recoñeza o Furriolo como lugar de memoria, por tratarse dun espazo con feitos de singular relevancia represiva durante a Guerra Civil e o franquismo e valor simbólico e testemuñal para a recuperación da memoria colectiva. A súa inclusión no Inventario Estatal de Lugares de Memoria daríalle protección xurídica, sinalización institucional e recursos para a súa conservación e difusión.

Desenvolvemento do acto

O acto celebrarase no Memorial do Furriolo, erguido en 2006 polo colectivo Arraianos, obra do deseñador Xosé Vizoso (1950-2025) e restaurado en 2021. O programa inclúe a lectura de poemas de Pimentel, Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín a cargo de Alba de Mourillós, ofrenda floral, palabras da familia de Celso Pérez Enríquez e peche coa interpretación do Himno Galego.

Celso de Poulo, alcalde e comerciante represaliado

Celso Pérez Enríquez naceu en 1885 en Cerdal (Gomesende) e, tras unha xuventude de emigrante en Porto Rico e Cuba, volveu á súa terra en 1918, onde levantou en Poulo o comercio «El recreo obrero» e fundou unha familia con Donilda Pereira. Comprometido co progreso da súa comarca, foi alcalde de Gomesende pola Fronte Popular e deputado provincial, e a súa casa foi punto de encontro de republicanos e galeguistas, por onde pasaron figuras como Alexandre Bóveda ou Castelao.

Detido o 23 de xullo de 1936 diante da súa propia casa, foi trasladado ao cárcere de Ourense e despois ao de Celanova. A súa familia sufriu asaltos e ameazas de escuadras falanxistas antes de que fose asasinado nun paseo no Furriolo entre o 18 e o 20 de agosto e enterrado nunha foxa común. Grazas a Manuela Mosquera, nai do galeguista Pepe Velo, a familia soubo meses despois onde estaban os restos, trasladados en segredo ao cemiterio de Sorga o 1 de outubro de 1936. En 1981 os seus descendentes exhumáronos de novo e deron sepultura definitiva a Celso de Poulo no cemiterio da súa parroquia natal, Poulo.

HOMENAXE A CELSO DE POULO

Data e lugar:

Martes, 18 de agosto, 20:00 horas. Memorial do Furriolo (A Bola, Ourense).

Comparte éste artículo
No hay comentarios